Nova: A Xunta aposta polas bibliotecas públicas coas axudas para a adquisición de novidades e mellora das coleccións

04/05/2026

A Xunta aposta polas bibliotecas públicas coas axudas para a adquisición de novidades e mellora das coleccións

A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá a biblioteca municipal de Narón para informar da nova convocatoria de axudas que chegou o pasado ano a 14 concellos da Delegación

Esta orde da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ten aberto o prazo de solicitude ata o 4 de xuño

Narón (A Coruña), 4 de maio de 2026

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá a biblioteca municipal de Narón onde deu conta do compromiso do Goberno galego coa mellora da dotación destes espazos municipais con novos fondos bibliográficos.

Neste sentido, informou que no pasado ano 14 concellos da Delegación Territorial recibiron máis de 42.000 euros de achegas grazas ás axudas da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destinadas a bibliotecas e axencias de lectura integradas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia para a adquisición de novidades editoriais en galego e para a mellora das coleccións.

Durante a visita, Aneiros explicou que estas axudas do Goberno galego “fortalecen unhas importantes fontes de cultura gratuíta e ao alcance de todo o mundo, como son as bibliotecas públicas, mentres que impulsan a presenza da literatura galega nestes centros”. No caso da biblioteca naronesa, a achega recibida en 2025 superou os 6.200 euros.

A responsable da Xunta lembrou que esta orde está dotada este ano dun orzamento de 550.000€ euros. A convocatoria regula dous programas de subvencións: un para a dotación de novidades editoriais en galego en formato físico que estean editados entre setembro de 2025 e setembro de 2026 e outro para a mellora de coleccións bibliográficas.

En ambos casos as axudas repartiranse en función da densidade poboacional do municipio en cuestión e será requisito que as entidades interesadas formen parte da Rede de bibliotecas públicas de Galicia. As solicitudes poden remitirse ata o 4 de xuño.

Comparte