Nova: Anxo M. Lorenzo salienta que as 60 actividades da Feira do Libro en Santiago amosan a dinamización da lectura que acada este circuíto, co apoio da Xunta

02/05/2026

Anxo M. Lorenzo salienta que as 60 actividades da Feira do Libro en Santiago amosan a dinamización da lectura que acada este circuíto, co apoio da Xunta

O director xeral de Cultura pon en valor estas 13 citas que se realizan en colaboración coa Federación de Librarías de Galicia

A Alameda da cidade compostelá acollerá obradoiros, andainas,  teatro, contacontos, sinaturas e ata un bingo literario

Destaca “o bo momento” do sector “onde 7 de cada 10 galegos le na nosa lingua” e o apoio que lle ofrece o Goberno galego cun investimento de 3 M€

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2026

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe a Feira do Libro de Santiago de Compostela, cuxas 60 actividades, ata o vindeiro 10 de maio no Alameda, erixiu como “claro exemplo da dinamización da lectura que consegue este circuíto de 13 citas, impulsado pola Federación de Librarías de Galicia co apoio da Xunta”.

Neste senso, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacou o feito de que “preto do 70 % dos galegos e galegas elixe as librarías para adquisición de publicacións, converténdose na canle máis recorrente”. De igual xeito, salientou que Galicia é a segunda Comunidade con maior número deste locais por habitante, “con 9,14 establecementos por cada 100.000 persoas”

A estes datos, Anxo M. Lorenzo sumou os reflectidos polo Informe de Hábitos Lectores de 2025, do que celebrou que “constata a consolidación dunha Galicia cada vez máis lectora”. Ao respecto, apuntou o feito de que “un 96,5% de galegos e galegas le de xeito frecuente, o que supón case dous puntos máis que a media estatal”. Nesta liña, subliñou que tamén recolle o incremento da lectura en galego “ata acadar o 72 %, o que supón que son sete de cada dez as persoas que len na nosa lingua”.

Por estes motivos, destacou o “bo momento” do sector do libro en Galicia e puxo en valor o apoio que lle ofrece o Goberno galego, “que se ve reflectido tanto na achega de 3 millóns de euros de investimento para impulsar a promoción, produción e a edición, como no convenio coa Federación da Librarías de máis de 200.000 euros que permiten, entre outras cousas, a celebración un ano máis das Feiras do Libro de Galicia”.

Precisamente, con respecto a este circuíto, o director xeral de Cultural animou a achegarse as máis de 60 actividades que durante nove días se celebrarán no Paseo central de Alameda con obradoiros, andainas, teatro, contacontos, sinatura de libros e ata bingo literario, cunha programación que se iniciou coa lectura do pregón a cargo de Mercedes Teixeiro, mestra e dinamizadora cultural.

13 vilas e cidades de abril ata agosto

Santiago de Compostela é a segunda das 13 citas co libro e a lectura que terán os galegos e galegas en diferentes vilas e cidades das catro provincias, tras a celebración da primeira en Ferrol. Tras a capital de Galicia, recollerá o relevo Lugo, do 13 ao 17 de maio; O Porriño, do 14 ao 17 de maio; Redondela, do 11 ao 14 de xuño, e Ourense, do 17 ao 20 de xuño.

Xa no mes de xullo, Vigo abrirá o día 1, prolongándose ata o día 7, continuando en Ponteareas, desde o día 9 ata o 12, e en Rianxo do 23 ao 26. Finalmente, en agosto, as Feiras do Libro viaxarán ata A Coruña, do 1 día ata o 10; Viveiro, do día 13 ao 19; Foz do 20 ao 23, e rematarán en Monforte de Lemos, onde se celebrará do día 26 ao 29 de agosto.

Comparte