Nova: A Xunta de Galicia contribúe con 310.000 euros á organización de 11 festivais do sector audiovisual
02/05/2026
A Xunta de Galicia contribúe con 310.000 euros á organización de 11 festivais do sector audiovisual
O Play-Doc de Tui, (S8) e Intersección da Coruña, Curtocircuíto e MICE de Santiago de Compostela, FICBUEU, Festival de Cans no Porriño, Novos Cinemas de Pontevedra, Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía de Arousa, Carballo Interplay e Galician Freaky Film Festival de Vigo son os certames subvencionados en 2026
Santiago de Compostela, 2 de maio de 2026
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude publicou vén de publicar a concesión das subvencións da Xunta de Galicia a festivais audiovisuais, a través das que inviste 310.000 euros na organización das novas edicións de 11 certames estratéxicos para o sector. Cun orzamento ascendente desde a súa creación en 2014 e que se incrementou nun 3,3% neste 2026, o obxectivo destas axudas é favorecer a consolidación do circuíto galego de citas de carácter profesional neste ámbito, que destaca pola gran variedade na súa especialización en xéneros e formatos. O calendario anual de festivais cinematográficos achégalle ao público títulos internacionais, ao tempo que serve de plataforma de lanzamento para a produción galega máis recente.
A listaxe das mostras subvencionadas está encabezada, en canto ás contías recibidas, pola (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico da Coruña (46.871 euros) e o Play-Doc Festival Internacional de Documentais (44.043 euros), que precisamente se está a celebrar estes días en Tui. Seguen a continuación o Festival de Cans do Porriño (38.002 euros), Intersección Festival de Arte Audiovisual Contemporánea da Coruña (37.931 euros), FICBUEU Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (37.931 euros), Curtocircuíto de Santiago de Compostela (27.638 euros), Novos Cinemas Festival Internacional de Cine de Pontevedra (24.819 euros), Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía de Arousa (22.337 euros), Carballo Interplay (11.862 euros), Galician Freaky Film Festival de Vigo (9.924 euros) e MICE Mostra Internacional de Cinema Etnográfico, tamén en Santiago de Compostela (8.636 euros).
Xestionadas en réxime de concorrencia competitiva, as axudas establecían entre os seus requisitos que os certames subvencionados contaran cunha duración mínima de catro xornadas con, cando menos, 20 proxeccións, así como con tres edicións consecutivas celebradas nos anos inmediatamente anteriores. Ademais, a proposta de programación debía conter un 5% de títulos ou cinco sesións de produción cinematográfica e/ou dirección galegas.
O contido completo da resolución pode consultarse no apartado de subvencións da web da Axencia Galega das Industrias Culturais.
