Nova: López Campos destaca a Festa da Filloa de Muimenta como unha “mostra da nosa cultura e da capacidade de dinamización do rural”

01/05/2026

López Campos destaca a Festa da Filloa de Muimenta como unha “mostra da nosa cultura e da capacidade de dinamización do rural”

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude e o titular de Facenda e Administración Pública asistiron a esta cita que conta coa colaboración da Xunta

Cospeito (Lugo), 1 de maio de 2026

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, achegáronse hoxe á XXXV Festa da Filloa de Muimenta, en Lugo, onde o titular de Cultura destacou durante o seu discurso a colaboración da Xunta con esta cita gastronómica “porque é unha mostra da nosa cultura, da nosa identidade e da capacidade de dinamización do rural ao redor dun produto que forma parte da nosa tradición”.

Así, o representante do Goberno galego lembrou que se trata dunha festa declarada de Interese Turístico de Galicia que, dixo, “ademais de ser un reclamo para os visitantes, tamén representa a unión da veciñanza e a colaboración entre o pobo para exaltar outras riquezas culinarias que dan conta da nosa Galicia Calidade”. Referiuse así á presenza da Festa da Enfariñada de Trabada e a dedicada á Degustación do Requeixón de Vilamartín Pequeno, en Barreiros, á que suman a Feira do Viño de Amandi, de Sober, e a Festa do Queixo e Pan de Ousá, de Friol.

Aproveitando a súa presenza na celebración, López Campos entregou un dos premios do concurso de relato e debuxo Festa da Filloa, convocado entre os centros educativos, e que forma parte dun programa que inclúe tamén unha exposición de artesanía e produtos de calidade, obradoiros e actuacións musicais.

Comparte