Nova: A Xunta impulsa a creación en San Simón con 24 participantes na súa cuarta residencia literaria

01/05/2026

A Xunta impulsa a creación en San Simón con 24 participantes na súa cuarta residencia literaria

O Goberno galego acaba de resolver as prazas para as estadías neste espazo destinadas a apoiar nos seus proxectos a escritores e escritoras

Con estas serán máis de 80 as persoas que gocen desta oportunidade nos últimos anos

A experiencia desenvolverase en tres quendas que comezarán o 15 de xuño

Santiago de Compostela, 1 de maio de 2026

A Xunta de Galicia acaba de resolver as 24 prazas da Residencia de Creación Literaria Illa de San Simón, destinadas a impulsar e promover a creación en galego a través do apoio aos escritores e escritoras, poñendo ao seu dispor un espazo, un ambiente e unhas condicións óptimas para a enteira dedicación aos seus proxectos.

Deste xeito, coa cuarta edición desta iniciativa da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, serán máis de 80 as persoas que gocen desta oportunidade que xa puideron experimentar, entre 2023 e 2025, un total de 60 participantes, con 12 obras publicadas a raíz das súas estadías en San Simón.

Cómpre lembrar que o obxectivo da convocatoria é desenvolver unha proposta creativa en lingua galega en calquera xénero, xa sexa narrativa, ensaio, poesía, teatro ou banda deseñada, entre outras. Así, os participantes terán ao seu dispor os bens e servizos necesarios para o desenvolvemento do seu proxecto, contando con aloxamento e espazo de traballo propio.

Os creadores e creadoras que formarán parte desta residencia, cuxa listaxe pode consultarse no Portal de Cultura, comezarán a chegar á illa no mes de xuño, día no que comeza a primeira das tres quendas nas que se organiza a proposta. Así, están repartidas entre o 15 e o 28 de xuño; entre o 28 de setembro e o 11 de outubro, e entre o 13 e o 25 de outubro, optando os participantes a quedar no espazo como mínimo unha semana e como máximo unha quincena.

Comparte