Nova: A Xunta abre mañá no Barco de Valdeorras unha nova edición de ‘Danza 3’ con Cantigas e Agarimos
30/04/2026
A Xunta abre mañá no Barco de Valdeorras unha nova edición de ‘Danza 3’ con Cantigas e Agarimos
O programa de difusión do baile e a música tradicional sairá ao encontro co público a ás 12,00 horas na Praza do Príncipe da localidade ourensá
O calendario de actuacións retomarase no mes de xullo coa incorporación de Xacarandaina e O Fiadeiro para achegar este patrimonio inmaterial galego a 18 concellos ata o mes de outubro
Santiago de Compostela, 30 de abril de 2026
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, visitou hoxe en Santiago de Compostela a sede de Cantigas e Agarimos, unha das tres formacións participantes no programa Danza 3, impulsado pola Xunta de Galicia para promover a música e o baile tradicionais. A edición de 2026 desta iniciativa botará a andar mañá 1 de maio no Barco de Valdeorras (Ourense) cunha actuación da agrupación compostelá na Praza do Príncipe, a partir das 12,00 horas.
Durante o seu encontro con Pedro Brañas, director de baile, e con Manuel Rey, membro da directiva da entidade, o representante da consellería de Cultura, Lingua e Xuventude coñeceu de primeira man a actividade actual de Cantigas e Agarimos e a preparación da actuación inaugural de Danza 3. Na visita, aproveitou para destacar o traballo deste tipo de colectivos na conservación e transmisión dun patrimonio inmaterial que forma parte esencial da identidade cultural galega e que foi recentemente declarado Ben de Interese Cultural.
Unha entidade centenaria
Cantigas e Agarimos conta cunha traxectoria fundamental na historia da música e do baile tradicionais en Galicia. Fundada en Santiago de Compostela en 1921, o colectivo mantén desde hai máis dun século un intenso labor de recollida, estudo, ensino e divulgación da cultura popular, cunha actividade continuada arredor do baile, da música vocal e instrumental e da transmisión interxeracional deste legado.
A súa participación en Danza 3 reforza a presenza no programa dunha entidade de referencia para varias xeracións de persoas vencelladas ao folclore galego, ao tempo que permite achegar ao público propostas escénicas baseadas na tradición oral, na riqueza coreográfica e na diversidade musical do país.
14 edicións
Despois da devandita primeira cita con Danza 3, o calendario de actuacións continuará nos vindeiros meses con novas paradas ata chegar a 18 concellos galegos. Así, a formación compostelá levará tamén as súas propostas a Marín, Carnota, Sanxenxo, Vimianzo e Sigüeiro.
A programación conta tamén, como cada ano, coa participación de Xacarandaina, da Coruña, e O Fiadeiro, de Vigo. As tres entidades, de recoñecida traxectoria e que integran a Federación XOC, compoñen un calendario de actuacións descentralizado e aberto á cidadanía, que se estenderá ata o mes de outubro con especial intensidade nos meses de verán como parte da campaña cultural da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude Para gustos, Cultura.
As citas con O Fiadeiro serán en Covelo, Ramirás, Rianxo, Pazos de Borbén, Allariz e Forcarei, mentres que Xacarandaina visitará Oza Cesuras, As Pontes de García Rodríguez, Padrón, Burela, Vila de Cruces e Cangas de Morrazo.
Deste xeito, por 14º ano consecutivo, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, mantén a súa colaboración coa federación XOC para que a nosa cultura tradicional saia ao encontro do público co obxectivo de continuar impulsando a proxección social do rico patrimonio inmaterial que atesouran a música e a danza populares de Galicia. O programa contribúe tamén a apoiar o labor de investigación, conservación, formación e divulgación arredor do noso folclore, en liña coa declaración de Ben de Interese Cultural da música e o baile tradicionais galegos, aprobada pola Xunta o pasado 22 de decembro de 2025.


