Nova: O director de Industrias Culturais pon en valor o potencial creativo galego que se exhibirá na mostra ‘Cádiz en Danza’
29/04/2026
O director de Industrias Culturais pon en valor o potencial creativo galego que se exhibirá na mostra ‘Cádiz en Danza’
A Xunta apoia a participación no encontro de Colectivo Glovo, Fran Sieira, Julia Laport, Raquel Ferradás con María de Vicente e Elvi Balboa con Andrea Castro
Marta Alonso Tejada impartirá en varios centros escolares o taller de mediación ‘Aburrimiento’, proxecto xurdido a partir das residencias REGA da Cidade da Cultura
A presenza artística e institucional galega na cita gaditana, unha das máis relevantes da península no eido da danza, insírese na política de fomento no exterior da produción cultural galega e responde á demanda do sector
Cádiz (Andalucía), 29 de abril de 2026
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, destacou hoxe en Cádiz o potencial e o talento creativo galego no eido das artes vivas e puxo en valor a calidade das sete compañías e artistas de Galicia que compoñen a ampla delegación da nosa Comunidade participante este ano no Festival Internacional Cádiz en Danza co apoio da Xunta. Colectivo Glovo, Fran Sieira, Julia Laport, Raquel Ferradás con María de Vicente, Elvi Balboa con Andrea Castro e Marta Alonso Tejada son as compañías e artistas que levarán a danza galega actual á 24ª edición deste encontro, un dos máis relevantes e de maior repercusión de toda a península.
Na xornada na que se celebra o Día internacional da Danza, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude participou na rolda de prensa na que se deu conta da programación completa do festival, que este ano lle dedica un foco territorial á produción galega. Jacobo Sutil describiu o panorama actual neste eido como “moi rico e de altísima calidade”, tanto na creación como na execución de todo o abano de danza e artes do movemento. “Unha danza que bebe da tradición secular do baile e a música populares pero que soubo afondar, preservar , reinterpretar e levar moito máis alá esa esencia para combinala no escenario con novas formas, linguaxes e estilos que nos trasladan tamén desde os canons clásicos ata os nosos días para nos conectar coa modernidade e a innovación máis contemporánea”, expresou.
Desde as bases tradicionais ata as vangardas
Neste sentido, referiuse á recente declaración de Ben de Interese Cultural do baile e música tradicionais de Galicia e puxo como exemplo o contido da última edición do catálogo Danza Galicia, con 55 formacións en activo e 135 espectáculos nos que tamén se reflicten as vangardas máis rompedoras que integran tecnoloxías e novas narrativas.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais tamén situou o acordo acadado con Cádiz en Danza como resposta á demanda do sector e dentro da política de difusión fóra das nosas fronteiras para a produción cultural galega en xeral e para a danza en particular que ten como prioridade a Xunta. Esta dinámica casa cos obxectivos do I Plan Integral para a Danza de Galicia e outras accións de expansión como a convocatoria de axudas á distribución exterior ou os apartados dedicados á danza galega actual realizados os últimos anos en Dansa Valéncia, Fira Mediterránia Manresa ou Quinzena de Almada (Portugal).
A representación galega en Cádiz en Danza dará comezo o 6 de xuño coa peza Trïade, a cargo de Colectivo Glovo, e continuará ao día seguinte con Un baile ceibe, interpretada pola compañía de Fran Sieira. Pola súa banda, Julia Laport interpretará o 8 de xuño o solo Extender como si pudiera. As tres propostas poderán verse ao aire libre na contorna da catedral.
Ademais, a través da colaboración co circuíto de festivais Acieloabierto, presentaranse tamén en Cádiz as creacións de catro coreógrafas e bailarinas galegas: Raquel Ferradas con María de Vicente e Elvi Balboa xunto a Andrea Castro.
Como aposta directa por parte do festival, a bailarina e coreógrafa Marta Alonso Tejada dirixirá entre o 8 e o 12 de xuño o taller de mediación titulado Aburrimiento, que se concretará nunha intervención en varios centros educativos. Co apoio do programa REGA da Cidade da Cultura de Galicia, o proxecto investiga as relacións entre corpo, arquitectura e participación.
A Xunta de Galicia participará tamén activamente na xornada profesional Danza y Territorios, dentro do ciclo Sembrando para cosechar un futuro. Una estrategia para la danza, que terá lugar os días 12 e 13 de xuño para compartir as experiencias de impulso a esta disciplina artística levadas a cabo desde o ámbito institucional.
O Festival Internacional Cádiz en Danza segue sumando edicións onde amosar unha selección dos mellores proxectos da creación actual. Para este ano está preparada unha programación con 37 compañías de 5 países (Alemaña, Eslovenia, España, Francia e Italia), que desenvolven as súas propostas por escenarios, rúas e prazas do centro da cidade. A cita presenta ese ano dous focos territoriais dedicados a Galicia e a Cataluña. Combina a exhibición con diferentes actividades de mediación e formación para acadar máis de 60 actividades co obxectivo de expandir as artes vivas a todos os sectores da cidadanía e atraer cada ano máis cantidade de público.

