Nova: A Xunta conclúe a declaración como Ben de Interese Cultural do Xogo de Birlos de Galicia

29/04/2026

A Xunta conclúe a declaración como Ben de Interese Cultural do Xogo de Birlos de Galicia

O Goberno galego concédelle este recoñecemento polo compoñente identitario e inclusivo desta actividade, calificándoa coma un dos xogos populares e tradicionais máis importantes da historia de Galicia

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude culmina así o procedemento que eleva a 797 os BICs existentes na comunidade

Esta declaración eleva a 797 os BIC existentes na Comunidade

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2026

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a declaración de Ben de Interese Cultural do patrimonio inmaterial do Xogo de Birlos de Galicia. Deste xeito, conclúe o proceso deste recoñecemento que acredita o compoñente identitario e inclusivo desta actividade, calificándoa coma un dos xogos populares e tradicionais máis importantes da historia de Galicia.

Así, os técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural recollen no expediente que esta práctica fomenta a adhesión ao propio, impulsando a sociabilidade e a integración social, e impulsa a inclusión, a través do desenvolvemento de habilidades como a memoria, o razoamento lóxico, o compañeirismo e a cooperación. Ademais, trátase dun entretemento transmitido de xeración en xeración oralmente e polo exercicio mesmo deste. O proceso de custodia e a transmisión atópase na actualidade condicionado polo feito de que, pois a súa práctica e as persoas que gardan o saber están diminuíndo, co risco conseguinte de perder as formas propias de cada zona.

O pasatempo, espallado por toda a xeografía galega con diferentes graos de actividade, consiste en lanzar ou facer rodar unha bola contra unha serie de birlos co obxectivo de derrubalos e desprazalos o máis lonxe posible, conxugando a plasticidade no tiro coa forza, potencia e coordinación.

Cómpre sinalar o respaldo cidadán a través de numerosos documentos de apoio á declaración, que eleva a 797 o número de Bens de Interese Cultural existentes en Galicia. Así, permite culminar un proceso iniciado en outubro de 2024 pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e que se resolve agora antes de que se cumpra o prazo máximo de 24 meses establecido na Lei de Patrimonio Cultural e que outorga o máximo nivel de protección a esta actividade.

Historia e proxección internacional

Na nosa comunidade o xogo dos bolos desenvolveuse fundamentalmente no rural ata a Idade Contemporánea, que se despraza ao ámbito urbano a causa do progresivo asentamento da industria moderna.

Os lugares de xogo estaban instalados tradicionalmente nas prazas das vilas ou  diante das igrexas e as competicións consistían en xogarse años, galos, xerras de vino, entre outras. Tamén funcionaba este tempo de lecer como complemento festivo dos actos profanos da festa da parroquia, formando parte das relacións sociais e servindo de punto de encontro nos solpores da primavera ou do verán.

O fenómeno emigratorio galego espallou este pasatempo, chegando a crearse asociacións en Arxentina e Uruguai. En Bos Aires xógase no Centro Galicia, no círculo Social Valle Miñor e o centro Cangas del Narcea; e en Montevideo  practícase xogo no Centro Social, Cultural e Deportivo de Bolos Valle Miñor. Outros  países aos que a emigración galega levou o xogo son Cuba, México ou Chile.

En Galicia, a práctica desta actividade comeza a esmorecer na década dos anos 50 do século XX. Co fin de transmitir, impulsar e protexela no ano 1988 fúndase a Federación Galega de Bolos que incorpora, no ano 1992, o xogo do bolo celta ou tradicional.

Comparte