Nova: O Museo do Castro de Viladonga acolle este xoves a xornada ‘Relatos sobre a paisaxe no tempo’, con charlas e obradoiros

28/04/2026

O Museo do Castro de Viladonga acolle este xoves a xornada ‘Relatos sobre a paisaxe no tempo’, con charlas e obradoiros

Nas vindeiras semanas tamén haberá talleres, concertos e funcións de narración oral para conmemorar o Día Internacional dos Museos e o das Letras Galegas 

Lugo, 28 de abril de 2026

O Museo do Castro de Viladonga (Castro de Rei), dependente da Xunta, organiza varias actividades abertas ao público para as vindeiras semanas.

Este xoves, 30 de abril, acollerá a xornada Relatos sobre a paisaxe no tempo, que afondará na evolución da paisaxe a través de diferentes relatorios e talleres prácticos. O encontro comezará ás 10,30 horas coa queima do paramento de pallabarro construído nun obradoiro de arqueoloxía experimental, a cargo do arqueólogo Alexandre Paz Camaño. 

A continuación - 11,00 h.- , a investigadora María Martín Seijo, do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC, falará sobre Carballos e toxos, acibros e abeleiras. O que a arqueobotánica conta das paisaxes da Idade do Ferro. Seguiralle a charla Entre o rural e o urbano: a formación da paisaxe galaica durante o Alto Imperio, que ofrecerá ás 12,00 h. Franciso Folgueira Ríos, da USC.

Ás 13,00 h. comezará un obradoiro para aprender a identificar madeiras dun xeito ameno e participativo, guiado por Nuria Romero Vidal, do Incipit-CSIC. A cita finalizará cunha recollida de mostras do carbón resultante da queima do paramento de pallabarro.

Día Internacional dos Museos

A programación continuará o sábado 9 de maio coa celebración da Noite dos Museos. O centro de Viladonga súmase un ano máis a esta cita, enmarcada no Día Internacional dos Museos impulsado polo ICOM, organismo de referencia no ámbito museístico a nivel mundial. Este ano o lema escollido é Museos unindo un mundo dividido, unha chamada a recoñecer o papel dos museos como espazos de encontro, diálogo e cohesión.

Ás 17,00 horas haberá xogos e talleres ambientados na época galaico-romana con Miriam Fernández e Rubén Carricoba. Tamén actuarán Os do campo – 18,00 h.-, así como Fransy González e Davide Salvado - 19,00 h -.

Día das Letras Galegas

No marco desta mesma efeméride e tamén con motivo da celebración do Día das Letras Galegas, haberá dúas actividades en colaboración coa microrrede de bibliotecas escolares da contorna do Castro de Viladonga.

O 18 de maio ás 11,00 horas haberá un concerto de Poesíacordes, cos músicos Francisco José Castro e Valerio Araújo, dirixido a alumnado de ESO e BAC. Trátase dun espectáculo baseado na música pop galega dende os anos 70 do século pasado, así como na poesía galega musicada. A proposta está pensada para implicar activamente ao alumnado.

Ademais, o 20 de maio haberá unha función de narración oral escénica inspirada na obra de Begoña Caamaño, da man de Soledad Felloza. Haberá dúas sesións, unha para alumnado de Primaria e outra para nenos e nenas de Infantil.

Comparte