Nova: A Xunta impulsa a presenza de tres novos proxectos musicais galegos no circuito AIEnRUTa
27/04/2026
A Xunta impulsa a presenza de tres novos proxectos musicais galegos no circuito AIEnRUTa
Mariagrep & Mundo Prestigio, Mondra e Montedapena formarán parte do programa AIEnRUTa-Artistas no último trimestre do ano
A iniciativa enmárcase no acordo entre a Conselleria de Cultura, Lingua e Xuventude coa Sociedade de Artistas, Intérpretes ou Executantes
Santiago de Compostela, 27 de abril de 2026
A Xunta de Galicia impulsará que tres novos artistas ou bandas galegas formen parte de AIEnRUTa-Artistas, un dos circuítos estatais de música en directo con maior traxectoria e proxección. Así, a través da colaboración entre a Conselleria de Cultura, Lingua e Xuventude coa Sociedade de Artistas, Intérpretes ou Executantes, Mariagrep & Mundo Prestigio, Mondra e Montedapena formarán parte da representación galega nesta iniciativa e ofrecerán concertos en salas de diferentes puntos do país durante o último trimestre do ano, sumándose aos outros tres que están circulando ata xuño.
Así mesmo, esta colaboración permitirá que a produción musical con selo galego manteña a súa visibilidade nun programa que celebra este ano tres décadas como ferramenta pioneira para facilitar o intercambio cultural entre comunidades e soster unha rede estable de salas de concertos en toda España. Desde a súa posta en marcha, AIEnRUTa-Artistas leva organizados miles de concertos con máis dun milleiro de artistas e grupos en centos de locais e cidades.
Promoción exterior da música galega
Mariagrep & Mundo Prestigio achegarán unha proposta de pop electrónico e urbano nacida da colaboración entre a artista compostelá e a banda viguesa, mentres que Mondra, participante na primeira edición de Sonemerxente, aceleradora musical da Xunta de Galicia e a Fundación Paideia Galiza, participa cun universo que dialoga coa tradición oral desde unha estética contemporánea e escénica. Pola súa banda, Montedapena levará a AIEnRUTa-Artistas o proxecto máis persoal de Héctor Rodríguez, cunha proposta íntima e xeracional que afonda nas emocións e inquedanzas do presente.
O patrocinio autonómico fixo posible xa a participación de The Rapants, Boyanka Kostova e Kyr4 na segunda metade de 2025, así como de Eladio y Los Seres Queridos, Mad Martin Trio e De Ninghures no primeiro semestre de 2026. A finais do mes de xuño coñeceranse as datas e lugares concretos da nova escolma musical para setembro-decembro, coia que se lle dá continuidade a esta liña de apoio.

