Nova: A Xunta difunde a cultura galega e as figuras de Otero Pedrayo e José Suárez na Feira do libro de Bos Aires
26/04/2026
A Xunta difunde a cultura galega e as figuras de Otero Pedrayo e José Suárez na Feira do libro de Bos Aires
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude impulsa unha vintena de actividades no expositor institucional, no Centro Galicia e no Instituto Santiago Apóstol
Abril Camino, Arturo Lezcano, Blanca Milán, Rodrigo Costoya e Xabier Romero forman parte da delegación de autores convidados polo Goberno galego
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participará en distintos relatorios para contribuír a divulgación do sector do libro galego
Santiago de Compostela, 26 de abril de 2025
A Xunta divulgará as figuras de Otero Pedrayo, protagonista do Ano Oteriano ao cumprirse 50 anos do seu pasamento, e José Suárez, homenaxeado no Día das Artes Galegas 2026, ademais de outros referentes da cultura galega, na Feira do Libro de Bos Aires, unha das citas culturais máis relevantes de Iberoamérica que se celebra ata o 11 de maio na capital da Arxentina.
Así, este ano Galicia volverá contar cun expositor propio de 44 metros cadrados con máis de 300 publicacións, onde se celebrarán unha vintena de actividades entre relatorios, obradoiros, mesas redondas e contacontos. Esta axenda verase complementada que chegará tamén ao Centro Galicia e ao Instituto Santiago Apóstol.
Deste xeito, e co obxectivo de contribuír á difusión do sector do libro e da cultura galega, o Goberno galego favorecerá a participación dunha delegación que inclúe a creadores como a narradora Abril Camino, o xornalista e ensaísta Arturo Lezcano, a ilustradora Blanca Milán, o novelista Rodrigo Costoya e o editor Xabier Romero e que estarán acompañados polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo.
Todos eles intervirán en conferencias, mesas redondas ou obradoiros que se celebrarán, entre o 26 de abril e o 9 de maio. Neles tratarán temas como o Camiño de Santiago, a poesía e narrativa na nosa comunidade, a diáspora galega na Arxentina ou a literatura infantil e xuvenil, entre outros eidos que permitirán difundir e promocionar a creación literaria galega máis actual.
A participación de Galicia nesta feira de recoñecido prestixio, enmárcase nas actividades de promoción exterior da literatura galega postas en marcha pola Administración autonómica a través do sector editorial. Neste senso, cómpre lembrar que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destina 200.000€ anuais para asistir a este tipo de eventos con proxección internacional.



