Nova: López Campos pon en valor o papel das librarías como “dinamizadoras da lectura e da economía” do sector do libro, “clave na industria cultural”

23/04/2026

López Campos pon en valor o papel das librarías como “dinamizadoras da lectura e da economía” do sector do libro, “clave na industria cultural”

O titular de Cultura da Xunta salienta que preto do 70 % dos galegos elixe estes locais para adquisición de publicacións, fronte ao 44 % que o fai a través de Internet

Destaca que Galicia é a segunda Comunidade con máis número destes establecementos por habitante, “con 9,14 por cada 100.000 persoas”

Celebra estes “excelentes indicadores” que atribúe “o bo facer” do gremio e o apoio e do Goberno galego a través da renovación do convenio con máis de 200.000€

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2026

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, puxo en valor o relevante papel das librarías como “dinamizadoras da lectura e da economía” do sector do libro, “clave na industria cultural”. Fíxoo na visita a un destes establecementos, co gallo da celebración do Día do Libro, no que tamén salientou que Galicia é a segunda Comunidade con máis número destes locais por habitante, “9,14 por cada 100.000 persoas”.

Precisamente, o titular de Cultura do Goberno galego destacou o feito de que “preto do 70 % dos galegos e galegas elixe as librarías tradicionais para adquisición de publicacións, converténdose na canle máis recorrente”. Así se recolle, segundo precisou, no Informe de Hábitos Lectores de 2025, do que indicou que presenta uns “excelentes indicadores” con respecto á lectura en Galicia, e tamén en galego.

En concreto, López Campos salientou que o estudo reflicte que o 96,5 % da poboación da Comunidade le en calquera medio ou soporte e sete de cada dez faino en galego, “ao rexistrarse unha suba no noso idioma de nove puntos ata chegar ao 72 %”, celebrou. Ademais, tamén apuntou a que o informe constata que un 67,1 % da poboación mercou algún libro, “o que supón que dous de cada tres galegos adquiriron unha publicación durante o último ano”. Ao respecto, subliñou que “esta porcentaxe sitúa a nosa Comunidade 1,6 puntos por riba da media nacional”.

Gran momento do sector do libro

O responsable de Cultura do Executivo autonómico considerou que estes datos reflicten o “gran momento” que vive o sector do libro en Galicia, no que considerou de “xustiza” recoñecerlles ás librarías o seu “bo facer” cun “papel clave máis aló do comercial, con programacións de divulgación que lle dan pulo á lectura e ás nosas letras”.

Neste senso, tamén atribuíu a “boa situación actual” aos plans específicos da Xunta, entre os que citou a colaboración anual, como a que acaba de renovarse coa Federación de Librarías, “dotado con máis de 220.000€ para modernizar establecementos e levar a cabo actividades culturais”, entre as que salientou o circuíto das Feiras do Libro, que hoxe bota a andar en Ferrol, primeira das 13 citas que se desenvolverán ata finais de agosto.

Comparte