Nova: Esgotadas as localidades para todas as funcións de 'Hamlet' no Centro Drámatico Galego

22/04/2026

Esgotadas as localidades para todas as funcións de 'Hamlet' no Centro Drámatico Galego

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2026.

O Centro Dramático Galego esgotou todas as localidades para o resto das funcións programadas ata o 3 de maio no Salón Teatro de Santiago de Compostela de Hamlet, produción propia baixo a dirección de Tito Asorey a partir da obra mestra de William Shakespeare. O espectáculo, estreado o pasado 19 de marzo nese mesmo escenario, colleitou desde as súas primeiras representacións unha gran recepción por parte do público, con cheos no patio de butacas na meirande parte dos pases, o que sitúa xa a proposta da unidade teatral da Xunta de Galicia como un dos éxitos da temporada teatral.

A través dunha montaxe de gran formato con 16 intérpretes en escena, o Centro Dramático Galego continúa deste xeito a excelente acollida rexistrada tamén coa súa anterior proposta, a coprodución Memorias dun neno labrego dirixida por Cándido Pazó. Hamlet segue a representarse no Salón Teatro de mércores a domingo durante estas últimas dúas semanas de programación coas únicas entradas dispoñibles nestes momentos entre as reservadas para persoas con mobilidade reducida, que se poden mercar unicamente de xeito presencial no despacho de billetes do número 34 da rúa Nova, aberto nos días de función desde as 16,00 horas.

 

Comparte