Nova: A Casa de Galicia en Madrid impulsa a difusión do ciclo de música relixiosa de Barcia de Mera na súa XVIII edición
21/04/2026
A Casa de Galicia en Madrid impulsa a difusión do ciclo de música relixiosa de Barcia de Mera na súa XVIII edición
Madrid, 21 de abril de 2026
A Casa de Galicia en Madrid acolleu hoxe a presentación da XVIII edición do Ciclo de Música Relixiosa de Barcia de Mera, unha iniciativa cultural que se celebrará desde esta fin de semana ata o mes de setembro nesta parroquia do concello de Covelo (Pontevedra).
Durante a súa intervención, o director da Casa de Galicia en Madrid, Luis E. Ramos destacou que este ciclo “non é só unha cita coa música, senón tamén un encontro coa memoria, coa identidade e cunha forma moi especial de entender a cultura desde o local cara ao universal”. Neste sentido, puxo en valor a capacidade de iniciativas como esta para proxectar ao exterior o patrimonio cultural de Galicia desde o ámbito rural.
O director subliñou ademais a consolidación deste ciclo ao longo das súas dezaoito edicións como un espazo de “recollemento, beleza e diálogo entre tradición e sensibilidade contemporánea”, que ten como escenario a igrexa de San Martiño de Barcia de Mera, onde a música relixiosa acada “o seu sentido máis profundo como experiencia compartida”.
Así mesmo, destacou o compromiso das persoas que fan posible esta iniciativa, en especial o traballo da súa directora, Nieves García-Soto, cuxa labor foi clave para dar continuidade e personalidade ao ciclo.
A XVIII edición volve apostar por unha programación marcada pola calidade, a proximidade e a autenticidade, consolidando este encontro como unha das citas culturais singulares do calendario galego.


