Nova: A Xunta aborda vías de colaboración para promocionar a cultura galega en Portugal

18/04/2026

A Xunta aborda vías de colaboración para promocionar a cultura galega en Portugal

Galicia estará presente en ‘Babell’, o evento literario e cultural que se celebrará o vindeiro mes de xuño na cidade portuguesa de Porto

López Campos salienta a “boa disposición” dos representantes do país veciño para colaborar en accións culturais e turísticas no marco do Xacobeo 2027

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2026

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, vén de manter un encontro co secretario de Estado de Cultura do Goberno da República de Portugal, Alberto Santos, e co concelleiro de Cultura da Cámara municipal de Porto, Jorge Sobrado, para avanzar en vías de colaboración que permitan promocionar a literatura galega en Portugal.

Esta xuntanza, tal e como explicou o responsable autonómico de Cultura, dá continuidade ás conversas iniciadas o pasado mes de febreiro na reunión que mantivo o presidente da Xunta de Galicia co alcalde da cidade portuguesa de Porto co fin de intensificar as relacións culturais e turísticas co país veciño. Froito disto, os representantes de ambas as dúas administracións acordaron que Galicia estará presente en Babell, o evento literario e cultural que se celebrará do 24 ao 29 de xuño en prazas e rúas de Porto.

Cómpre lembrar que esta cita, organizada pola Fundación Livraria Lello co apoio da Cámara municipal de Porto, contará cunha programación internacional na que participarán recoñecidos escritores, exposicións, concertos, coloquios e outras actividades nas que o acceso se realizará mediante a compra de libros nas librerías da cidade.

Ademais da participación nesta iniciativa, durante o encontro tamén se abordou a posibilidade de que a Xunta de Galicia participe na Feira do Libro de Porto no vindeiro ano, así como diferentes colaboracións en materia cultural e turística no marco do Xacobeo 2027. Neste senso, López Campos salientou “a boa disposición” dos representantes do país veciño e puxo en valor a oportunidade que supón “tamén para Portugal a celebración dunha cita tan importante como é o Ano Santo”.

Na súa visita á cidade de Porto, na que estivo acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, o conselleiro tamén asinou un protocolo de cooperación co presidente do Consello de Administración do Teatro Nacional São João, Pedro Sobrado, polo que o Centro Dramático Galego e a estrutura escénica lusa, unha das máis importantes do país veciño, iniciarán un período de catro anos de proxectos escénicos en común, impulsando así un polo de creación teatral no territorio da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Trátase, tal e como puntualizou López Campos, dunha “alianza estratéxica que reafirma o compromiso de ambos gobernos por fortalecer os lazos que nos unen”.

O acordo compromete o desenvolvemento de accións conxuntas a nivel de produción e exhibición de espectáculos de teatro na rexión Norte de Portugal e en Galicia, coa posibilidade de involucrar outros socios nacionais e internacionais, así como a acollida recíproca de persoal para o intercambio de experiencias e coñecementos, a cesión de material técnico, vestiario, utilería e escenografía ou a concertación de estratexias de comunicación co obxectivo de favorecer a súa divulgación e impacto público.

Comparte