Nova: A Xunta promove a difusión da cultura galega con axudas para participar en residencias literarias no exterior

18/04/2026

A Xunta promove a difusión da cultura galega con axudas para participar en residencias literarias no exterior

As persoas interesadas optan a un apoio de 5.000 euros que poden solicitar ata o vindeiro 18 de maio

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2026.- A Xunta de Galicia promove a difusión da cultura e das letras galegas mediante axudas para participar en residencias literarias no exterior. Así se recolle na convocatoria da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude publicada no Diario Oficial de Galicia que recolle un investimento total de 20.000 euros.

Este apoio está destinado a colaborar coas persoas creadoras para que poidan realizar a tradución das súas obras nunha estadía que favorece o proceso de investigación previo á creación da obra e que proporcione un espazo e ambiente de traballo que lles permita continuar co desenvolvemento dun proxecto xa iniciado.

O importe máximo co que se subvencionará cada persoa será de 5.000 euros, que se destinarán a gastos de viaxe, de transportes internos, de aloxamento e manutención e de subscrición dunha póliza de seguro de viaxe e outra médica.

Os interesados deben presentar un proxecto de creación, que inclúa título e texto explicativo da proposta, o perfil da entidade onde se vai celebrar a residencia, un currículo, un expediente artístico, unha carta de motivación, os obxectivos que agarda acadar, o alcance do programa e o orzamento desagregado por partidas. Poderán solicitar as axudas ata o día 18 de maio a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

Esta é a cuarta convocatoria deste proxecto, co que se busca difundir e potenciar o desenvolvemento do sector cultural visibilizando a riqueza e calidade dos profesionais da creación literaria. O pasado ano contaron con estas axudas os autores Ramón Caride e Miriam Couceiro, en Xixón; Raquel Senra, en Noruega; Nerea Pallares, en Mojácar; Ana Belén Gutiérrez, en Madrid, e José Luis Baños, en México.

Comparte