Nova: Anxo M. Lorenzo celebra a “xusta revalorización” da figura e a obra do fotógrafo José Suárez, homenaxeado co Día das Artes Galegas deste ano

17/04/2026

Anxo M. Lorenzo celebra a “xusta revalorización” da figura e a obra do fotógrafo José Suárez, homenaxeado co Día das Artes Galegas deste ano

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destaca “a súa ollada vangardista para retratar Galicia ás marxes de clixés creando imaxes icónicas”

Pon en valor a retrospectiva do Goberno galego en 2015, na Cidade da Cultura, cuxo catálogo se acaba de reeditar e que supón a recompilación máis ampla do seu traballo

Salienta as numerosas accións que se están desenvolvendo ao abeiro da efeméride que contribúen “a situalo no lugar que lle corresponde na historia da fotografía”

Ourense, 17 de abril de 2026

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, celebrou hoxe a “xusta revalorización” que se está a producir da figura e obra do fotógrafo José Suárez, homenaxeado co Día das Artes Galegas deste 2026. Fíxoo na inauguración da mostra A natureza e o home, que propón un percorrido pola xeografías vitais do autor e que pode verse no Centro Sociocultural Marcos Valcárcel, en Ourense, ata o 14 de xuño.

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salientou as numerosas iniciativas, como a desta exposición que, ao abeiro da efeméride da Real Academia Galega de Belas Artes, “están a contribuír a situar ao fotógrafo ourensán no lugar que lle corresponde na historia da fotografía”.

Neste senso, erixiu a José Suárez como “un dos máis grandes do século XX”. Así, salientou a súa proxección internacional e a súa “ollada vangardista, precursora na época”. Ao respecto, puxo en valor a súa capacidade para retratar a “Galicia ás marxes de clixés, creando imaxes que se teñen convertido en icónicas”. Precisamente, nesta mostra ten unha presenza relevante a serie Mariñeiros, aínda que o relato expositivo céntrase especialmente nun percorrido polas xeografías vitais do autor.

Ao respecto, lembrou as colaboración na publicación Historia de Galicia, de Ramón Otero Pedrayo, a quen este ano se lle dedica o Ano Oteriano, “efeméride para a que temos deseñado unha excelsa programación nun traballo conxunto entre Xunta e asociacións culturais”.

Retrospectiva no Gaiás en 2015

Nesta liña, Anxo M. Lorenzo salientou a contribución do Goberno galego á “revalorización” da figura e obra do fotógrafo coa exposición José Suárez. Uns ollos vivos que pensan, na Cidade da Cultura en 2015, “que supuxo a retrospectiva máis completa que se lle ten realizado ata o momento” e que itinerou por oito cidades de Europa, Asia e América, reproducindo o periplo vital do fotógrafo.

“Situámolo no lugar que merecía a súa ollada única”, asegurou o director xeral de Cultura, quen gabou a mirada humanista do fotógrafo de Allariz, “tal e como reflicten as máis que recoñecidas series de mariñeiros e campesiños, influídas polas vangardas artísticas europeas, cunha anovadora linguaxe fotográfica e de claro carácter de autor”, enxalzou.

Deste xeito, puxo en valor que a mostra permitiu achegar a figura do fotógrafo de Allariz a máis de 60.000 persoas que a visitaron durante máis de dous anos ao longo das itinerancias. Ademais, destacou que, debido ao alto interese, acaba de reimprimirse o catálogo da exposición, “a recompilación máis completa da súa fotografía”, destacou.

Comparte