Nova: A Xunta apoia o novo ciclo ‘O Son dos Arrieiros’ con 11 concertos en salas de Galicia entre maio e novembro
17/04/2026
A Xunta apoia o novo ciclo ‘O Son dos Arrieiros’ con 11 concertos en salas de Galicia entre maio e novembro
As actuacións desenvolveranse en Viveiro, Santiago de Compostela, Vilanova de Arousa, Pontedeume, Boiro e Cambados cos directos de Tona, Grande Amore, Dani Cornes, Santi Araújo, Cora Yako, Familia Caamagno, Pava, Estrogenuinas, Agoraphobia, Bala e Copos de Avena
É unha das nove programacións beneficiarias das axudas da consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para salas privadas, dotada con más de 350.000 euros para o bienio 2026-2027 e destinada a impulsar 141 concertos en 16 espazos galegos
Viveiro (Lugo), 17 de abril de 2026
O Son dos Arrieiros, novo ciclo de concertos que percorrerá distintas salas galegas entre maio e novembro cunha proposta que conecta artistas, espazos e públicos ao longo do territorio, ofreceralle a un público diverso os directos de 11 solistas e grupos co apoio da Xunta de Galicia. Así se anunciou hoxe en La Conservera de Viveiro por parte do director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, que participou no acto de presentación xunto a Patricia Hermida, directora creativa do evento, e a José Manuel Vázquez Cerdeiras “Leman”, representante da sala onde se celebrará o primeiro concerto desta iniciativa da promotora Dotbeat, incluída na convocatoria de subvencións da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para programacións musicais en espazos de titularidade privada.
Na súa intervención, Jacobo Sutil puxo o foco na contribución desta liña de axudas ao fortalecemento da música ao vivo “máis alá dos grandes eventos”, ao apoiar “a estrutura integral do sector: as salas, as empresas e os artistas en desenvolvemento”. O representante do Goberno galego subliñou tamén que propostas como O Son dos Arrieiros resultan especialmente valiosas por artellar unha programación continuada, favorecer a circulación de artistas e contribuír á creación de públicos arredor dunha rede de espazos fundamentais para a escena galega.
Concertos en salas de toda Galicia
Inspirado no camiño compartido dos arrieiros, o ciclo propón un percorrido simbólico e real pola xeografía galega a través de seis citas musicais en Viveiro, Santiago de Compostela, Vilanova de Arousa, Pontedeume, Boiro e Cambados. A súa vocación céntrase en acompañar o talento emerxente no seu tránsito natural desde as salas cara a escenarios de maior capacidade, entendendo ese proceso como unha peza clave para a sustentabilidade do sector.
O cartel de 2026 de O Son dos Arrieiros arranca o 16 de maio na nova sala La Conservera, en Viveiro, con Tona e Grande Amore; o 2 de outubro trasladarase ao Riquela Club, en Santiago de Compostela, con Dani Cornes e Santi Araújo; o 17 de outubro será a quenda de A Cofradía, en Vilanova de Arousa, con Cora Yako e Familia Caamagno; o 14 de novembro a cita será no Guión Clube, en Pontedeume, con Pava e Estrogenuinas; o 21 de novembro en A Pousada da Galiza Imaxinaria, en Boiro, con Agoraphobia e Bala; e o 29 de novembro en Krazzy Kray, en Cambados, con Copos de Avena.
Apoio ás salas como base do tecido musical
A través da convocatoria para programacións musicais en salas privadas, a consellería de Cultura, Lingua e Xuventude distribúe 358.586 euros no bienio 2026-2027 entre nove proxectos deseñados por empresas do sector para se desenvolver en 16 espazos galegos.
No seu conxunto, esta liña permitirá a celebración de 141 concertos a cargo de 80 artistas e grupos, reforzando un modelo de apoio público orientado á profesionalización, á continuidade das programacións e ao acceso do público a unha oferta estable, descentralizada e diversificada.
