Nova: Anxo M. Lorenzo resalta o impulso “de propostas culturais de calidade en todo o territorio”

16/04/2026

Anxo M. Lorenzo resalta o impulso “de propostas culturais de calidade en todo o territorio”

O director xeral de Cultura participa na presentación do XVIII Ciclo de música relixiosa Barcia de Mera, que se celebrará do 25 de abril ao 12 de setembro no concello de Covelo, coa colaboración da Xunta de Galicia

Mondariz Balneario (Pontevedra), 16 de abril de 2026

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación da XVIII edición do ciclo de música relixiosa Barcia de Mera, co colabora a Xunta de Galicia “en consonancia co noso obxectivo de ofrecer programacións culturais de calidade en todas partes do territorio, especialmente no rural, e para todos os públicos”, destacou.

O representante do Goberno galego resaltou, ademais, “o aproveitamento dos nosos bens para acontecementos que unen así patrimonio e cultura, como neste caso esta cita musical” que se celebra, lembrou, do 25 de abril ata o 12 de setembro na igrexa barroca de San Martiño de Barcia de Mera, no concello pontevedrés de Covelo, conxunto recoñecido como Ben de Interese Cultural pola Xunta.

Durante o acto deuse conta dun programa que conta con oito concertos. O primeiro correrá a cargo do cuarteto Ars Bohemia, o 25 de abril, ao que lle seguirá, o 9 de maio, a actuación do Dúo Arpa e Flauta, conformado por Fernando Raña e Alba Barreiro. Xa o 6 de xuño o ciclo estará protagonizado polo barítono Luis Cansino con Arabel Moráguez ao piano, mentres que o 4 de xullo será momento de escoitar á intérprete de viola de gamba, Sara Ruiz, e o 25 de xullo poderase gozar do concerto Vida retirada, dirixido por Ignacio García con textos de Frai Luis de León.  Para o 15 de agosto está programado o concerto da soprano Ana Melkhova con Paula Gao ao piano, ao que lle seguirá Cum Altum Sound the Trompet o día 29. A proposta musical pechará o 12 de setembro con Vox Stellae.

Comparte