Nova: A Xunta conclúe a Declaración como Ben de Interese Cultural do conxunto de covas e adegas de Seadur, localizado no concello ourensán de Larouco
16/04/2026
A Xunta conclúe a Declaración como Ben de Interese Cultural do conxunto de covas e adegas de Seadur, localizado no concello ourensán de Larouco
O Goberno galego concédelle este recoñecemento polo seu valor etnolóxico, relacionado coa cultura do viño, e por ser reflexo da cultura e das formas de vida do pobo galego ao longo da historia
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude culmina así o procedemento, tras informes favorables do Consello da Cultura Galega e o Museo do Pobo Galego que lle dan categoría de elemento representativo sobranceiro
Esta declaración eleva a 797 os BIC existentes na Comunidade
Santiago de Compostela, 16 de abril de 2026
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a declaración de Ben de Interese Cultural o conxunto de covas e adegas de Seadur, situadas no concello ourensán de Larouco. Deste xeito, conclúe todo o proceso deste recoñecemento co que se acredita o seu valor etnolóxico, relacionado coa cultura do viño, e por ser reflexo da cultura e da formas de vida tradicionais dun pobo ao longo da súa historia
A culminación deste procedemento chega tras o visto e prace a este decreto por parte do Consello do Goberno galego, o pasado 6 de abril, despois de ter recibido os informes favorables do Consello da Cultura Galega e o Museo do Pobo de Galicia, que lle recoñecen a este lugar un valor cultural sobranceiro.
Con esta declaración, que eleva a 797 o número de Bens de Interese Cultura existentes en Galicia, outórgaselle o máximo nivel de protección o conxunto de 81 adegas e covas de Seadur constitúen pola súa autenticidade e integridade un ben sobranceiro do patrimonio cultural galego. Ao respecto, o Decreto salienta que se trata dun gran núcleo que se mantén intacto, xa que son mínimas as alteracións das edificacións tradicionais e son escasas as afeccións producidas polo uso de materiais modernos sen revestir o ou pola modificación de alturas e volumes.
Reflexo da cultura e formas de vida dun pobo ao longo da historia
De igual forma, esta declaración fundaméntase en que estas adegas conviven nun espazo único no que, tanto a excepcionalidade das covas e a homoxeneidade dos seus detalles técnicos, vinculadas ás formas de vida e cultura tradicional, son testemuñas das relacións de uso e mantemento e reúnen valores propios que deben ser destacados. Consecuentemente, a súa conservación considérase relevante por ser reflexo da cultura e das formas de vida do pobo galego ao longo da historia.
Función social, familiar e veciñal
A arquitectura das covas de Seadur responde a unha función de garda e conservación, pola necesidade de resgardar o viño das altas temperaturas da zona e tamén de ofrecer condicións axeitadas ata o momento do enxerto. Outro dos usos das covas é o encontro social, familiar e veciñal, converténdose nun lugar onde compartir festividades, conversas de a diario e procesos sobre a elaboración ou resultado da vendima que con tanto esforzo se elabora e que a cova mantén en óptimas condicións.
No expediente destácase que todo isto conforma un conxunto de elementos etnolóxicos fundamentais a preservar como memoria da identidade, a cultura, as tradicións e as formas de vida de Seadur, de Valdeorras e por extensión de todo o pobo galego.
Ademais, o Decreto incide en que estas infraestruturas están moi arraigadas na comarca do Valdeorras, que conserva estes elementos construtivos que se atopan integrados no territorio de forma harmónica na paisaxe, mediante a utilización dos materiais naturais das zonas nas que se asentan. Así, poden estudarse a día de hoxe como referentes de construcións bioclimáticas, polo seu apropiado e intelixente uso da terra e o aire que as envolve, creando as condicións axeitadas para a súa funcionalidade.
