Nova: A Xunta promociona a candidatura de Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial entre embaixadores dos 21 países que a avaliarán en xullo na comisión da Unesco

15/04/2026

A Xunta promociona a candidatura de Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial entre embaixadores dos 21 países que a avaliarán en xullo na comisión da Unesco

O titular de Cultura da Xunta dálles a coñecer os “atributos únicos” e incide en que se trata dunha proposta “sólida” e “novidosa” na listaxe de bens con esta distinción

López Campos convídaos a descubrir ‘ìn situ’ o territorio, integrado por 26 concellos das provincias de Lugo e Ourense, para constatar “o seu valor excepcional universal”

O Goberno galego completará estas “accións decisivas” na recta final do procedemento cunha xornada en París, coordinada co embaixador de España ante a Unesco, Miquel Iceta

Madrid, 15 de abril de 2026.- O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, deulles a coñecer hoxe os “atributos únicos” da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial a embaixadores dos 21 países que avaliarán a proposta na Comisión da Unesco que se celebrará en xullo en Corea do Sur. Fíxoo nun acto promocional na Casa de Galicia en Madrid, no que participou o ministro de Cultura, Ernest Urtasun.

Neste encontro, ao que tamén asistiu o director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, e representantes dos 26 concellos de Lugo e Ourense que abrangue este territorio, o titular de Cultura da Xunta incidiulles en que a candidatura Ribeira Sacra. Paisaxe da auga é un proposta “sólida e con argumentos firmes”, resultado do “traballo exhaustivo, rigoroso e coordinado” entre técnicos do Goberno galego e do Ministerio de Cultura. “Trátase dunha candidatura de país ante un reto compartido e ilusionante”, salientou.

Neste punto, López Campos quixo agradecer a “coordinación e acompañamento constante” do Goberno central coa candidatura, facendo especial fincapé na “total implicación” do propio embaixador de España ante a Unesco, Miquel Iceta, como tamén do ministro de Cultura, a quen tamén lle agradeceu a súa participación neste encontro con diplomáticos “dentro das últimas accións ante a avaliación definitiva de xullo”.

Precisamente, o conselleiro enmarcou a promoción de hoxe dentro das “citas claves” que están a desenvolver para darlle “máis pulo aínda” á candidatura na recta final de cara ao Comité de Patrimonio Mundial da Unesco, que se celebrará na cidade coreana de Busán, e na que participarán con dereito a voto embaixadores presentes neste encontro.

Patrimonio da Galicia Calidade

Por estes motivos, o representante do Goberno galego explicoulles que Ribeira Sacra: Paisaxe da auga está baseada nos atributos “excepcionais e únicos” deste territorio. En concreto, salientou que se centra “nunha paisaxe construída co uso da auga dun xeito novidoso que non está presente aínda de xeito suficiente na Lista de Patrimonio Mundial”, remarcoulles.

Ao respecto, incidiulles no “carácter único” da Ribeira Sacra, “amosando a espectacularidade dos canóns e vales fluviais esculpidos pola auga ata o relevante do seu patrimonio hidráulico, con infraestruturas que teñen chegado aos nosos días desde a revolución tecnolóxica medieval con muíños, centrais ou os saltos impresionantes de auga”.

Por estes motivos, López Campos convidounos a coñecer in situ o territorio que conforma un patrimonio, “que supón un orgullo compartido e que se integra dentro dos valores da Galicia calidade que tanto e tan ben nos representa dentro e fóra das nosas fronteiras”.

Seguintes pasos nunha etapa decisiva

Finalmente, o conselleiro de Cultura anunciou que a estas “accións decisivas” na recta final do procedemento se sumará unha xornada promocional en París, coordinada co embaixador de España ante a Unesco, Miquel Iceta, na que tamén colaborará o Ministerio de Cultura.

“Un paso máis dentro dun conxunto de actuacións das que debemos sentirnos satisfeitos”, asegurou ao tempo que indicou que, por estas razóns, “se confía en que a Ribeira Sacra se faga co merecido e honroso recoñecemento internacional”, concluíu.

Comparte