Nova: López Campos erixe a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial como “proxecto de país“
14/04/2026
López Campos erixe a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial como “proxecto de país“
O titular de Cultura da Xunta involucra as forzas políticas con representación na Cámara baixa de cara á avaliación definitiva que terá lugar en xullo en Corea do Sur
Incide en que se chega a cita decisiva con “boas sensacións” polo “traballo sólido e rigoroso” do técnicos cunha proposta novidosa na listaxe de bens con esta distinción
Salienta o “total apoio” do embaixador de España ante a Unesco e o “traballo coordinado” co Ministerio de Cultura para “afrontar xuntos este ilusionante reto”
Madrid, 14 de abril de 2026.
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, erixiu hoxe como “proxecto de país” a candidatura da Ribeira Sacra. Paisaxe da auga, que representa a proposta de España para Patrimonio Mundial pola Unesco. Fíxoo nun encontro con membros da Comisión de Industria e Turismo do Congreso dos Deputados, á que foi convidado co obxecto de “involucrar a todas as forzas políticas con representación na Cámara na recta final do proceso de cara á avaliación definitiva que terá lugar o vindeiro mes de xullo en Corea do Sur”.
Acompañado polo director xeral de Patrimonio Cultura, Ángel Miramontes, o titular de Cultura da Xunta trasladoulles aos deputados as “boas sensacións” recollidas ao longo de todo o proceso, iniciado en 2017, de cara á consecución deste recoñecemento internacional. Neste senso, ademais de pór en valor a implicación “desde o primeiro momento” dos 26 concellos das provincias de Lugo e Ourense que abranguen este territorio, fixo especial fincapé no “total apoio” recibido polo embaixador de España ante a Unesco, Miquel Iceta, e o “traballo plenamente coordinado” co Ministerio de Cultura para “afrontar xuntos este ilusionante reto”.
Ao respecto, López Campos considerou “máis que oportuna e necesaria” a súa comparecencia no Congreso para “dar conta do traballo feito ata o momento dunha candidatura de país e avanzar os últimos pasos” de cara á fase final da Convención Mundial de Patrimonio, que se celebrará na cidade coreana de Busán.
Candidatura novidosa
Na presentación, o conselleiro explicou que, ao longo deste proceso, a Xunta proxectou Ribeira Sacra: Paisaxe da auga baseándose nos atributos “excepcionais e únicos” deste territorio. En concreto, salientou como se ten difundido esta paisaxe “construída co uso da auga dun xeito novidoso que non está presente aínda de xeito suficiente na Lista de Patrimonio Mundial”, remarcou.
Deste xeito, López Campos subliñou que se buscou deixar constancia do “carácter único” da Ribeira Sacra, “amosando a espectacularidade dos canóns e vales fluviais esculpidos pola auga ata o relevante do seu patrimonio hidráulico, con infraestruturas que teñen chegado aos nosos días desde a revolución tecnolóxica medieval con muíños, centrais ou os saltos impresionantes de auga”.
Nesta liña, o representante do Executivo galego puxo en valor o “esforzo e traballo sen descanso” por parte da Xunta para fornecer Ribeira Sacra: Paisaxe da auga. Así, sinalou os preto de 8 M€ que a Administración autonómica ten investido na conservación e posta en valor de máis de 40 bens patrimoniais deste territorio das provincias de Ourense e Lugo nestes últimos anos.
De igual forma, subliñou que, ao longo deste período, o Goberno galego executou, en solitario ou en colaboración con outras institucións e concellos, máis de 90 actuacións tanto en materia arquitectónica como arqueolóxica en diferentes bens, como igrexas, mosteiros, museos, castros ou xacementos romanos, entre outros. “Co esforzo e traballo de todos, a Ribeira Sacra conseguiu ser hoxe en día un territorio aínda máis vivo, máis coidado e máis recoñecido e aínda o vai ser máis cando academos este merecido recoñecemento internacional”, aseverou.
Seguintes pasos nunha etapa decisiva
Por estes motivos, o conselleiro asegurou que, neste intre, a candidatura entra “unha etapa decisiva”, da que trasladou que a Xunta se enfronta coa “tranquilidade e seguridade que dá contar cunha candidatura madura, sólida e arroupada non só polo Goberno central, senón por toda a comunidade, veciñanza, axentes locais e institucións da zona”, incidiu.
Consecuentemente, e unha vez que agora o traballo técnico está completo, López Campos avanzoulles aos deputados que, nestes meses que quedan ata “a gran cita” de xullo, Xunta e Goberno central “van seguir traballando arreo e de xeito coordinado”. Así, adiantou que, de forma paralela ao traballo diplomático que está realizando o embaixador de España ante a Unesco, desde a Xunta vaise impulsar unha “intensa promoción” do territorio da Ribeira Sacra. “Un pasos que se suman ao traballo xa realizado e do que debemos sentirnos satisfeitos”, asegurou ao tempo que indicou que, por estas razóns, “se confía en que a Ribeira Sacra se faga en Busán co merecido e honroso recoñecemento internacional”, concluíu.
