Nova: A Xunta declara Ben de Interese Cultural do patrimonio inmaterial o Xogo de Birlos de Galicia
13/04/2026
A Xunta declara Ben de Interese Cultural do patrimonio inmaterial o Xogo de Birlos de Galicia
- O Consello dá o visto e prace a este recoñecemento que eleva a 797 os BIC existentes na comunidade
- O expediente recoñece o compoñente identitario e inclusivo desta actividade, calificándoa coma un dos xogos populares e tradicionais máis importantes da historia de Galicia
- A declaración farase oficial nos vindeiros días coa súa publicación no Diario Oficial de Galicia
A Xunta declara Ben de Interese Cultural o Xogo dos Birlos de Galicia, na categoría de patrimonio inmaterial, en recoñecemento ao seu papel coma un dos xogos populares e tradicionais máis importantes da historia de Galicia. Así se acordou hoxe no Consello do Goberno galego, onde se lle deu o visto e prace ao decreto, que se publicará nos vindeiros días no Diario Oficial de Galicia.
Deste xeito, o expediente recoñece esta práctica pola súa capacidade para favorecer valores identitarios, fomentado a adhesión ao propio, impulsando a sociabilidade e a integración social, e polo seu compoñente para impulsar a inclusión, a través do desenvolvemento de habilidades como a memoria, o razoamento lóxico, o compañeirismo e a cooperación. Ademais, trátase dun entretemento accesible economicamente a todas as persoas e propulsor dos valores do deporte e o compañeirismo.
Así, os técnicos recollen no decreto que o pasatempo, espallado por toda a xeografía galega con diferentes graos de actividade, consiste en lanzar ou facer rodar unha bola contra unha serie de birlos co obxectivo de derrubalos e desprazalos o máis lonxe posible, conxugando a plasticidade no tiro coa forza, potencia e coordinación.
Neste senso, o expediente salienta tamén que esta práctica tradicional transmitiuse de xeración en xeración oralmente e polo exercicio mesmo do xogo. O proceso de custodia e a transmisión atópase na actualidade nun punto crítico, pois a súa práctica e as persoas que gardan o saber están diminuíndo, co risco conseguinte de se perderen as formas propias de cada zona. Neste senso, a denominación do Xogo dos Bolos de Galicia ou Bolos Celta comprende unha gran variedade de modalidades de pasabolo, entre as que destacan Bolos do Val MIñor, Bolos da Comarca de Viana do Bolo, Bolos de Xove, Bolos O Canteiro, Bolos en Liña, Bolos do Barbanza e Bolos A Cova
Cómpre sinalar o respaldo cidadán a través de numerosos documentos de apoio á declaración, que elevará a 797 o número de Bens de Interese Cultural existentes en Galicia. Así, permite culminar un proceso iniciado en outubro de 2024 pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e que se resolve agora antes de que se cumpra o prazo máximo de 24 meses establecido na Lei de Patrimonio Cultural.
Historia e proxección internacional
Na nosa comunidade o xogo dos bolos desenvolveuse fundamentalmente no rural ata a Idade Contemporánea, que se despraza ao ámbito urbano a causa do progresivo asentamento da industria moderna.
Os lugares de xogo estaban instalados tradicionalmente nas prazas das vilas ou diante das igrexas e as competicións consistían en xogarse años, galos, xerras de vino, entre outras. Tamén funcionaba este tempo de lecer como complemento festivo dos actos profanos da festa da parroquia, formando parte das relacións sociais e servindo de punto de encontro nos solpores da primavera ou do verán.
O fenómeno emigratorio galego espallou este pasatempo, chegando a crearse asociacións en Arxentina e Uruguai. En Bos Aires xógase no Centro Galicia, no círculo Social Valle Miñor e o centro Cangas del Narcea; e en Montevideo practícase xogo no Centro Social, Cultural e Deportivo de Bolos Valle Miñor. Outros países aos que a emigración galega levou o xogo son Cuba, México ou Chile.
En Galicia, a práctica desta actividade comeza a esmorecer na década dos anos 50 do século XX. Co fin de transmitir, impulsar e protexela no ano 1988 fúndase a Federación Galega de Bolos que incorpora, no ano 1992, o xogo do bolo celta ou tradicional.
