Nova: A Xunta renova o seu acordo coas librarías para modernizar establecementos e organizar actividades culturais
13/04/2026
A Xunta renova o seu acordo coas librarías para modernizar establecementos e organizar actividades culturais
- O Consello dá luz verde ao convenio dotado con máis de 220.000€ para xornadas de formación que lle permitan adaptarse ás novidades do mercado e á venda en liña
- O apoio do Goberno galego tamén irá dirixido á posta en marcha de clubs de lectura, a organización de conversas con escritores e escritoras e sesións de contacontos
- A achega da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude facilitará o circuíto de feiras, que percorrerá 13 localidades, do 23 de abril ao 29 de agosto, dando lugar a máis de 80 días de actividades culturais
- Galicia é unha das comunidades nas que máis subiu o índice de lectura de lecer nos últimos cinco anos
Santiago de Compsotela, 13 de abril de 2026.- O Goberno galego colaborará, un ano máis, coas librerías galegas para modernizar establecementos e levar a cabo actividades culturais, entre as que se inclúe o circuíto das Feiras do Libro. Así se informou hoxe no Consello da Xunta, no que se deu luz verde ao convenio de colaboración coa Federación de Librarías Galegas, dotado cun total de 220.146€, co obxecto de acadar unha valoración deste patrimonio cultural e unha maior difusión e posta en valor da lingua e literaturas galegas.
Deste xeito, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude mantén a achega de 165.000€ que xa realizou o pasado ano e renova o acordo iniciado no ano 2015 que permite, entre outras accións, a celebración das Feiras do Libro de Galicia. Nesta edición o circuíto percorrerá 13 vilas e cidades galegas, desde o 23 de abril e ata o 29 de agosto, dando lugar a máis de 80 días de actividades culturais, que abranguen desde presentacións, sinaturas, encontros con escritores e escritoras, recitais, mostras teatrais, concertos e ata propostas infantís.
En concreto, as feiras deste ano celebraranse baixo o título A porta a universos infinitos, cuxa cita inaugural será en Ferrol, o 23 de abril, co gallo do Día do Libro, onde ficará ata o 26 do mesmo mes. A continuación será a quenda de Santiago de Compostela, que terá lugar do 2 ao 10 de maio. En Lugo, pola súa banda, será do 13 ao 17 do mesmo mes, mentres que chegará ao Porriño do 14 ao 17 de maio.
No mes de xuño, Redondela acollerá a súa feira do 11 ao 14 de xuño, mentres que en Ourense será do día 17 ao 20. Xa no mes de xullo, Vigo abrirá o día 1, prolongándose ata o día 7, continuando en Ponteareas desde o día 9 ata o 12 e en Rianxo do 23 ao 26. Finalmente, en agosto, as Feiras do Libro viaxarán ata A Coruña, do 1 día ata o 10, Viveiro do día 13 ao 19, Foz do 20 ao 23, e rematarán en Monforte de Lemos onde se celebrará do día 26 ao 29 de agosto.
Ademais, nesta edición, o ciclo busca fomentar a participación, mediante o debate, a conversa e a interacción directa entre creadores e público; a creatividade, incorporando novas actividades como rutas literarias ou propostas interdisciplinarias, e o dinamismo, a través de recitais, intervencións artísticas e formatos áxiles.
Así mesmo, as Feiras do Libro deste 2026 serán máis accesibles mediante programación pensada para públicos diversos, actividades inclusivas e un acceso á información máis claro e sinxelo, na liña da Lei de cultura inclusiva e accesible aprobada pola Xunta de Galicia.
Xornadas de formación para adaptarse ao mercado actual
Por outra banda, o convenio entre a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a Federación de Librarías de Galicia tamén inclúe xornadas de formación para levar a cabo unha modernización continua, que lles permita adaptarse as novidades do mercado. En concreto, procurarase que estean dirixidas á venda en liña, centrándose nos seus riscos e oportunidades.
Ademais, co fin de impulsar o libro galego e facilitar a participación de autores e creadores nas librarías, levaranse a cabo 30 actividades culturais en establecementos libreiros. Deste modo, poranse en marcha cinco clubs de lectura e tamén cinco encontros con escritores e escritoras, ao tempo que se realizarán un total de 20 sesión de contacontos.
Todas as propostas estarán relacionadas co libro galego, con autores galegos e, preferentemente, en lingua galega. Deste xeito, preténdese acadar un aumento da dinamización cultural e da nosa lingua, á vez que as librarías consoliden a consideración das actividades culturais como parte da súa actividade diaria.
Máis lectura de libros de lecer en Galicia
Neste senso, cómpre salientar o papel das librarías no impulso do hábito lector, como o demostra a publicación do Barómetro de hábitos de lectura e compra de libros de España en 2025 no que se recolle que o 65,9% de galegos e galegas len libros no seu tempo libre por ocio, establecéndose así coma unha das comunidades nas que máis subiu este índice nos últimos cinco anos.
Nesta mesma liña, débese poñer en valor o traballo do Goberno galego para seguir a impulsar o sector do libro mediante a posta en marcha do Plan de Dinamización da Lectura de Galicia con 115 medidas ata 2029 e unha inversión de máis de 60 M€. A folla de ruta, a primeira destas características, busca seguir mellorando os hábitos lectores que sitúan á comunidade con índices superiores aos estatais e inclúen medidas de apoio a audiolibros en galego ou o fomento da adaptación de libros en lectura fácil.
