Nova: A Xunta recuperará dous retablos no Mosteiro de Xunqueira de Espadanedo
13/04/2026
A Xunta recuperará dous retablos no Mosteiro de Xunqueira de Espadanedo
O Goberno galego licita esta intervención destinada a solucionar as deficiencias nas estruturas e soportes, nas policromías e nas bases pétreas dos retablos cunha achega de case 50.000€
Ángel Miramontes destaca que a actuación forma parte “do noso compromiso coa posta en valor dos nosos bens culturais, especialmente os da Ribeira Sacra”
Xunqueira de Espadanedo (Ourense), 13 de abril de 2026
O director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, acompañado polo delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou hoxe a igrexa do mosteiro de Santa María de Xunqueira de Espadanedo, onde a Xunta de Galicia acaba de sacar a licitación as obras de restauración de dous retablos por valor de 48.370€ “velando unha vez máis pola preservación nas mellores condicións dos nosos bens culturais, especialmente os monumentos que forman parte da Ribeira Sacra”, apuntou.
Así, tal e como explicou o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, os retablos manieristas obxecto desta intervención, o da Transfiguración e o da Visitación, “presentan un mal estado de conservación que requiren da nosa atención para ser recuperados e postos en valor para a nosa veciñanza e para as xeracións futuras”, seguindo así puntualizou, “na nosa liña de compromiso co patrimonio galego, tamén co eclesiástico e, nomeadamente, co seu legado artístico”.
Deste xeito, durante visita fíxose fincapé nas deficiencias detectadas nos retablos na estrutura e madeira de soporte, con alteracións de relevancia que debilitan ás súas propiedades mecánicas. Neste senso, obsérvanse desaxustes estruturais, desprendementos, desensamblaxes, gretas e fendas, perdas de volumes e engadidos alleos, ademais da presenza activa de insectos xilófagos e patoloxías nas policromías, como son as faltas de adhesión e desprendementos de estratos, repintes, suciedade, oxidación do verniz e escurecemento xeral da superficie debido principalmente a fumes de combustión.
Por outra banda, segundo destacou Ángel Miramontes, tamén se prevé a intervención nas bases pétreas que serven de apoio aos retablos e soportan as frontes de altar co obxecto da súa estabilización, xa que amosan desaxustes na súa fábrica. En concreto, os labores descritos no marco deste proxecto están vencellados á limpeza superficial, á desinsectación curativo-preventiva, á fixación de estratos polícromos, e á revisión, reposición e reforzo de ancoraxes.
A isto engádese o tratamento de elementos metálicos, a actuación sobre a carpintería de reaxuste estrutural e a consolidación de soportes, así como o arranxo de gretas e fendas, a reintegración volumétrica e cromática, a recolocación dos frontais de altar, a limpeza de policromías e vernices oxidados e a eliminación de repintes. Os traballos complétanse coa aplicación de protección final e a limpeza e encintado das bases pétreas dos retablos.
Esta intervención súmase á levada a cabo para restaurar este ben e que incluíra a recuperación da policromía orixinal do coro do século XVI, cun investimento de máis de 210.000€, elevando a achega da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a este mosteiro ata máis de 300.000€.
Paisaxe Cultural da Ribeira Sacra
Santa María de Espadanedo é un antigo mosteiro cisterciense, fundado na segunda metade do século XII por Fernando II de León e que ao longo dos séculos XII e XIII vive unha época de esplendor. No século XIX convértese en igrexa parroquial, un templo que actualmente está protexido polo seu valor cultural, pertencendo ao exoámbito da Paisaxe Cultural da Ribeira Sacra.
Os retablos que van ser restaurados sitúanse no cuarto tramo da nave central da igrexa e tras a reixa de madeira (do ano 1899) que historicamente, e ata a Desamortización, separaba a parroquia da clausura. Estes retablos manieristas executáronse ao redor do ano 1620 por dous artistas diferentes, Juan de la Sierra (Transfiguración) e Alonso López (Visitación). No ano 1620 o pintor Gonzalo Pérez encárgase de pintar ambos os dous.

