Nova: Galicia Escena PRO 2026 configura unha carteleira con 32 espectáculos e proxectos de produción galega

11/04/2026

Galicia Escena PRO 2026 configura unha carteleira con 32 espectáculos e proxectos de produción galega

As compañías programadas exhibirán 19 montaxes en formato completo e presentarán outras 13 propostas de próxima estrea en sesións pitching

A 13ª edición do mercado das artes escénicas organizado pola Xunta e Escena Galega celebrarase do 25 ao 28 de maio en Santiago de Compostela para favorecer a contratación e a visibilidade do sector

O prazo de inscrición de axentes profesionais interesados en asistir ao evento abrirase o luns 13 de abril

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2026

A 13ª edición de Galicia Escena PRO, o mercado das artes escénicas que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude organiza anualmente xunto coa asociación empresarial Escena Galega presentará este ano unha selección de 31 espectáculos e proxectos de produción galega. No encontro, que terá lugar do 25 ao 28 de maio en Santiago de Compostela, 19 compañías exhibirán as súas producións máis recentes en formato completo, mentres que outras 13 avanzarán os seus vindeiros traballos mediante presentacións breves tipo pitching diante de profesionais da programación e a distribución cultural.

Está previsto que Galicia Escena PRO volva reunir este ano máis dun cento de axentes do sector para continuar a consolidar a súa principal finalidade dinamizar a contratación dos últimos espectáculos producidos en Galicia, tanto dentro como fóra da Comunidade, ao tempo que reforza a súa proxección social e a dimensión profesional das artes escénicas do país. O prazo de inscrición destinado ás persoas interesadas en acreditarse para asistir ao encontro abrirase o luns 13 de abril.

Foron 136 propostas (82 montaxes e 54 proxectos) as que este ano concorreron ao chamamento de Galicia Escena PRO. Ademais da carteleira principal de compañías galegas procedentes da escolma realizada pola comisión que o colectivo Escena Galega nomeou ao efecto, a programación  incluirá dous espectáculos convidados procedentes das comunidades autónomas de Madrid e Valencia en virtude dos intercambios establecidos con feiras e mostras deses territorios.

Tamén este ano, como aposta da organización, súmase ao día inaugural da feira a peza de danza Diz-me, meu amor, a cargo de Raquel Ferradás e María de Vicente.

Teatro, danza e circo

As propostas desta 13ª edición foron elixidas pola comisión seleccionadora volve ofrecer unha panorámica plural da creación escénica galega actual, con presenza de teatro, danza, circo e linguaxes híbridas, combinando compañías de ampla traxectoria con formacións e autorías máis recentes.

Na modalidade de formato completo, os espectáculos seleccionados son Alén, de Colectivo Glovo; Alicia Wants To, de Bengala Teatro Físico; Artur Ui, o ovo da serpe, de Talía Teatro; BenQuerer, de Fran Sieira, compañía de danza; Bio Construción, de Ibuprofeno Teatro; 52-Blau, de iXa; Coralinda, de Elefante Elegante; Manual de patronaxe, de Teatro do Noroeste; Meu Rei, de Daniel Lezso; Miña pequena, de Constance Hurlé; Mofa&Befa: Os dous de sempre, de Producións Teatrais Excéntricas; Ninguén tira fotos nos enterros, de Carlota e Compañía; O libro da selva. O musical, de Ártika Cía.; Oh, mammi blue, de Cinema Sticado; Sen patrón, de Pistacatro Produtora de Soños; Transparentar, de Enésima; Voo, de Teatro O Cubo; e Xoguetes rotos, de Barrosanta e ButacaZero.

Nos pitchings participarán Abúrrome, de martaalonsotejada cía; Clic, de Culturactiva Producións; Comed[IA], de Píscore; CROIX, conferencia bailada, de Paula Quintas Cía.; Crónica do rei pasmado, de Contraproducións; Curie ou a simetría dos fenómenos físicos, de Empatía Teatro; Hiranya, de Eva Comesaña; Less dragqueens and more ChuNorris / Menos dragqueens e máis ChuNorris, de ALÓproducións; Manchas de sangue, de Torta Torta; O meu pai naceu o mesmo ano que Mick Jagger, de Tarabela Creativa; Oh!, de AsSircópatas; Ritu, de Nova Galega de Danza; e Vila, de Marcos PTT.

Encontro artístico e de negocio

Como en anteriores edición, a produción galega constitúe o núcleo central de Galicia Escena PRO, que se amosará desde distintos escenarios e localizacións ao aire libre da capital galega. O  Museo das Peregrinacións e de Santiago será o epicentro da actividade profesional, co desenvolvemento das reunións de traballo, as presentacións rápidas e as mesas de debate e reflexión sectorial, que nesta edición abordarán distintos aspectos da distribución de espectáculos.

A través de Galicia Escena PRO, o Goberno galego reforza o seu apoio á dinamización do tecido escénico profesional da Comunidade, mediante unha cita estratéxica que favorece o encontro directo entre compañías, distribuidoras, responsables de programación e outros axentes culturais. Ademais de contribuír á contratación de montaxes xa rematadas, a feira permite tamén acompañar e dotarlles visibilidade aos proxectos aínda en proceso de creación, ampliando as súas posibilidades de futura exhibición.

Comparte