Nova: A Xunta aplica un novo pavimento no adarve da Muralla no treito rehabilitado á altura da rúa do Moucho
10/04/2026
A Xunta aplica un novo pavimento no adarve da Muralla no treito rehabilitado á altura da rúa do Moucho
O delegado territorial, Javier Arias, explica que forma parte dos estudos para avaliar a durabilidade, eficacia e viabilidade de novos materiais no chan do monumento
Lugo, 10 de abril de 2026
A Xunta de Galicia está ensaiando un novo pavimento no adarve da Muralla, no tramo recentemente rehabilitado á altura da rúa do Moucho. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou hoxe que a actuación dá continuidade ás probas iniciadas con tres composicións diferentes no cubo XVIII, preto da Porta Miñá.
Unha desas mesturas serviu de base a este cuarto acabado, engadindo máis tella e incorporándoa en pequenos fragmentos. Arias explicou que se pretende comprobar o comportamento de distintas alternativas, “afinando materiais e dosificacións para comprobar a súa durabilidade, eficacia e viabilidade”.
Entre os principais obxectivos figura o de testar o rendemento do novo chan para evitar ou reducir as filtracións de auga no monumento. As combinacións deseñadas apóianse nas técnicas construtivas e os materiais utilizados na época romana, fundamentalmente area, cal e fragmentos de lousa ou arxila, entre outros.
Nesta ocasión, cubríronse seis metros cúbicos de superficie cunha lonxitude de algo máis de 10 metros e en toda a anchura do adarve. O delegado explicou que o pavimento tardará aproximadamente un mes en fraguar, e mestres tanto manterase a pasarela elevada construída na zona para permitir o paso.
Ao respecto, lembrou que esta medida abordouse como complemento ás obras de reconstrución do treito de muro caído o pasado mes de febreiro preto da porta de Santiago, que se executaron “nun tempo récord” e supuxeron un investimento de 150.000 euros.
Arias sinalou que “aproveitamos a ocasión tanto para profundizar no estudo da estrutura e a historia do monumento como para dar un paso máis nas pautas de conservación, probando novos medios para loitar contra as filtracións, que precisamente foron as causantes do derribamento neste punto”.
Así mesmo, engadiu que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude prevé realizar un investimento de 1 millón de euros durante o bienio 2026-2027 para desenvolver diferentes intervencións no marco do Plan de Conservación e Xestión.
