Nova: A Xunta abre ata outubro o prazo para optar a 2,2 M€ en axudas para a realización de rodaxes audiovisuais en Galicia
10/04/2026
A Xunta abre ata outubro o prazo para optar a 2,2 M€ en axudas para a realización de rodaxes audiovisuais en Galicia
A convocatoria mantén a mesma dotación que en 2025 para seguir a potenciar a nosa Comunidade como escenario de filmación de películas e series
Os proxectos poden recibir ata 350.000 euros, sempre que garantan 20 días de gravación durante non máis de seis semanas e un gasto mínimo entre 1M€ e 1,5M€
Santiago de Compostela, 10 de abril de 2026
A Xunta de Galicia abre ata o 1 de outubro o prazo de solicitudes para as produtoras interesadas en realizar montaxes en Galicia. Así se recolle na convocatoria publicada no Diario Oficial de Galicia e dotado con 2,2 M€.
Segundo o texto da convocatoria, o obxectivo desta liña de apoio, cofinanciada pola Unión Europea no marco do programa Galicia FEDER 2021-2017, é estimular e impulsar a execución da actividade de rodaxe para fomentar a cadea de valor da industria audiovisual, a competitividade, o crecemento sustentable e o mantemento do emprego de calidade das empresas, así como situar a Galicia como destino internacional neste ámbito.
Para iso, as bases refírense a obras audiovisuais completas e o proxecto subvencionable abrangue o conxunto das accións e actividades relacionadas coa produción audiovisual realizadas en Galicia, tanto as feitas por empresas en calidade de produtoras maioritarias como de responsables en Galicia da produción executiva de dúas obras nos últimos cinco anos.
Para longametraxes e series
Prevense dúas modalidades para optar a estas axudas: longametraxes de ficción que teñan un mínimo de 60 minutos de duración e series de ficción cunha duración mínima de experiencia do espectador de 150 minutos e que se corresponda cunha primeira ou segunda temporada. Os importes a adxudicar oscilan, segundo os casos, entre os 300.000 e os 350.000 euros.
Entre outros requisitos, pídeselles tamén ás empresas que dispoñan dun financiamento previo acreditado do 60% sobre o custo total, que o gasto en Galicia contemple un mínimo entre 1 M€ e 1,5 M€ e que a duración mínima da rodaxe efectiva sexa de 20 días laborables dentro dun período máximo de seis semanas.
Os gastos subvencionables poden abranguer persoal, escenografías, aluguer de estudos, camerinos ou equipamentos tecnolóxicos, maquinaria, seguros, custos indirectos, medidas sanitarias de aplicación, desprazamentos, aloxamento, manutención ou accións de publicidade e promoción.
Apoio a todo o proceso audiovisual
Esta convocatoria, xunto á xa publicada por valor de 3,5 M€ dirixida á produción e coprodución, e outras centradas nas diferentes fases do proceso de creación e difusión audiovisual (promoción do talento, festivais cinematográficos, presenza en foros e mercados especializados ou posta en marcha de futuros proxectos), constitúen unha política global e integrada de apoio ao sector.
Queda pautado así un acompañamento económico ás empresas desde o xermolo e o desenvolvemento dos proxectos ata a súa produción, rodaxe, difusión, comercialización e exhibición, polo que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude canaliza este ano máis de 8 M€ a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, cifra que inclúe un incremento orzamentario na liña de desenvolvemento de proxectos, de próxima publicación.
Quinta convocatoria en seis anos
Esta é a quinta convocatoria da Xunta de Galicia dirixida especificamente á captación de rodaxes nos últimos seis anos. A medida, que naceu ao abeiro do Hub Audiovisual-Industria Cultural para contribuír a minimizar os efectos da pandemia, tivo continuidade en exercicios posteriores como canle importante no programa de subvencións ao sector.
Así, a través do Hub, en 2021/2022 obtiveron apoio por esta liña a longametraxe 13 exorcismos e as series Argonautas, Hasta el cielo e Rapa, e en 2022/2023 os filmes Amigos hasta la muerte e Tratamos demasiado bien a las mujeres, ademais das segundas temporadas das series Operación Marea Negra e Rapa.
Xa en 2024, foron beneficiarias Romería, Rondallas, Dímelo bajito e Me has robado el corazón, así como as series Marusía e Clanes. No pasado ano 2025 as adxudicatarias foron as películas Dímelo en secreto, Operación Camarón 2, Pínkala, Serenade e a segunda temporada da serie Punto Nemo.
