Nova: Rueda pon en valor os Premios da Cultura Galega que recoñecen o talento e creatividade dos artistas que levan a marca Galicia Calidade por todo o mundo

10/04/2026

Rueda pon en valor os Premios da Cultura Galega que recoñecen o talento e creatividade dos artistas que levan a marca Galicia Calidade por todo o mundo

  • Salienta o bo momento que vive a cultura galega cunha candidatura aos Oscar, premios nacionais de Poesía, Circo e Danza, e un Latin Grammy
  • Destaca a aposta da Xunta por un sector que configura a identidade da comunidade con máis de 110 M€ para políticas culturais neste 2026
  • Agradece o labor realizado a prol da cultura e lingua galega a todos os premiados: Editorial Galaxia, produtora Baños Films, a asociación Sempre en Galicia, o mestre Antón Corral, a Bienal de Arte de Pontevedra, a Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas e aos autores da campaña ‘Aquí tamén se fala’

Nogueira de Ramuín (Ourense), 9 de abril de 2026.- O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo hoxe en valor os Premios da Cultura Galega que cada ano recoñecen a creatividade, o talento e o esforzo dos artistas da comunidade que exercen de embaixadores do que significa Galicia Calidade por todo o mundo.  

Durante o acto de entrega dos galardóns de 2025, acompañado do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, o titular do Goberno autonómico destacou que a cultura é un dos principais símbolos identitarios dun pobo e resaltou o bo momento que está a vivir o sector en Galicia.

Nesta liña, o presidente salientou que o sector cultural representa o 3% do PIB galego e dá emprego a máis de 35.000 persoas. Ademais, lembrou algúns dos últimos fitos que acadaron creadores galegos como a candidatura aos Oscar da película Sirat, de Óliver Laxe, o Latin Grammy para a pianista Isabel Dobarro ou os premios nacionais que veñen de recoñecer á autora Miriam Reyes, a compañía Pistacatro ou a bailarina Janet Novás nas categorías de Poesía, Circo e Danza, respectivamente.

Rueda resaltou o compromiso da Xunta con seguir promovendo un sector clave para a comunidade, reservando máis de 110 millóns de euros a políticas culturais nos orzamentos deste 2026.

Recoñecemento aos premiados

Na súa intervención, o presidente autonómico agradeceu o labor creativo dos oitos recoñecidos este ano cos Premios da Cultura Galega. Salientou os 75 anos que Editorial Galaxia leva traballando para promover e difundir as obras en lingua galega; ao igual que  o labor do mestre Antón Corral á hora de recuperar e dar a coñecer pezas da música tradicional galega; ou a asociación Sempre Galicia que leva décadas promovendo a cultura galega entre a diáspora do Uruguai. Ademais, Rueda tamén destacou o labor da Bienal de Arte de Pontevedra e a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, tamén galardoadas este ano. O presidente felicitou a Bodegas Martin Códax, á produtora Baños Films e aos creadores da campaña Aquí tamén se fala, que obtiveron o seu recoñecemento este ano.

Por último, Rueda resaltou o escenario elixido nesta ocasión para a entrega destes prestixiosos galardóns: a Ribeira Sacra. O mandatario expresou o desexo de que este territorio da comunidade acade o recoñecemento de Patrimonio da Humanidade pola Unesco, cuxa avaliación final será no mes de xullo.

Comparte