Nova: A Xunta convoca no Diario Oficial de Galicia a praza para a dirección do Centro Galego de Arte Contemporánea
08/04/2026
A Xunta convoca no Diario Oficial de Galicia a praza para a dirección do Centro Galego de Arte Contemporánea
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude abre un proceso baixo os criterios de transparencia, mérito e capacidade para a selección da candidatura idónea
Poderá concorrer persoal funcionario de carreira, que deberá presentar un currículo, xustificando os méritos, e un proxecto de dirección coas liñas de programación
Santiago de Compostela, 8 de abril de 2026
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude convocou hoxe no Diario Oficial de Galicia a praza de libre designación para a dirección do Centro Galego de Arte Contemporánea, convocatoria coa que se busca abrir unha nova etapa na súa programación, a través dun proceso que cumpre cos criterios de transparencia, mérito e capacidade para a selección da candidatura idónea.
Con este propósito, o departamento de Cultura da Xunta establece que poderá concorrer a este posto persoal funcionario de carreira, que deberá presentar na súa solicitude un currículo, onde se xustifiquen os méritos para dirixir este centro museístico, referente da arte contemporánea en Galicia e España.
Así mesmo, as persoas aspirantes terán que achegar un proxecto de dirección do Centro Galego de Arte Contemporánea, que deberá conter as liñas de programación a desenvolver, de acordo co establecido nos obxectivos e funcións dunha das institucións culturais galegas máis prestixiosas, desde a súa creación en 1993.
A presentación de solicitudes, que se abre mañá e ata o 7 de maio, será obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario correspondente, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
O obxectivo da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude coa renovación da dirección do Centro Galego de Arte Contemporánea é ampliar a súa internacionalización, unha maior apertura á creatividade dixital coa irrupción das novas tecnoloxías e darlle pulo a súa descentralización dentro e fóra de Galicia, tras ser recoñecido en 2025 como Insignia da cultura galega polo Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea, segundo os resultados do prestixioso informe elaborado coas valoracións de máis de 400 expertos e profesionais de toda España.
