Nova: O festival Clasclás afondará na excelencia artística e reforzará a súa relevancia no panorama europeo da música clásica, co apoio da Xunta
06/04/2026
O festival Clasclás afondará na excelencia artística e reforzará a súa relevancia no panorama europeo da música clásica, co apoio da Xunta
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salienta a aposta pola “vangarda e a ciencia” da novena edición, que se celebrará do 20 ao 27 de xuño
Anxo M. Lorenzo destaca da programación a participación da Orquestra Sinfónica de Galicia e o “histórico concerto inmersivo” para conmemorar a eclipse solar deste ano
Pon en valor que esta cita cultural transforme a cidade nun “auditorio expandido, no que formacións e solistas de prestixio internacional dialogan coa veciñanza”
Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 6 de abril de 2026
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, destacou hoxe a “excelencia artística e a relevancia no panorama europeo” da novena edición do Festival Clasclás que, baixo lema de Paixón, se vai celebrar, do 20 ao 27 de xuño, no municipio pontevedrés de Vilagarcía de Arousa. Así o puxo en valor na presentación da súa “ambiciosa programación”, da que salientou a súa “aposta pola vangarda e a ciencia”.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude erixiu este certame como unha das “grandes citas internacionais da música clásica” e gabou a calidade da súa programación, “que abrangue desde a excelencia da Orquestra Sinfónica de Galicia e da música de cámara ata o virtuosismo de solistas chegados de diferentes partes do mundo”.
En concreto, Anxo M. Lorenzo salientou que inclúe a celebración dun “histórico concerto inmersivo” para conmemorar a eclipse solar, que terá lugar no mes de agosto, como culminación das actividades que se levarán a cabo durante unha semana por numerosos espazos, prazas e rúas de Vilagarcía de Arousa. Precisamente, enxalzou capacidade do festival de “transformar a cidade nun auditorio expandido, onde formacións, orquestras e solistas dialogarán coa veciñanza”.
Neste senso, o director xeral de Cultura inxeriu este certame como un “claro exemplo das programacións en liña co espírito da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, xa que expande e democratiza o acceso á cultura, á vez que procura atraer novos públicos con formatos innovadores”. De igual xeito, celebrou o seu papel como “motor de desestacionalización, proxectando unha imaxe de prestixio internacional tan acorde coa de Galicia Calidade, que nos representa tamén no eido artístico”, concluíu.
