Nova: A Xunta ofrece unha xornada formativa profesional sobre mercados internacionais do sector audiovisual
04/04/2026
A Xunta ofrece unha xornada formativa profesional sobre mercados internacionais do sector audiovisual
O Museo das peregrinacións e de Santiago acolle o 14 de abril esta cita, organizada a través da Asociación Galega de Produtoras Independentes
Participarán como relatores Luis Costa, Valérie Delpierre e Álvaro Saracho para abordar os principais encontros que se desenvolven en Portugal, Francia, Bélxica e Os Estados Unidos de América
A iniciativa, de carácter gratuíto con inscrición previa, enmárcase no programa Galicia ProFilme da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
Santiago de Compostela, 4 de abril de 2026
O Museo das Peregrinacións e de Santiago acollerá o vindeiro martes 14 de abril unha xornada formativa sobre mercados internacionais do ámbito audiovisual, na que a Xunta de Galicia reunirá expertos e profesionais para abordar as claves e sinerxías deste tipo de encontros. Organizada a través da Asociación Galega de Produtoras Independentes, a iniciativa enmárcase no programa Galicia ProFilme da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, dirixido a contribuír á progresiva capacitación e profesionalización do sector.
A xornada ofrecerá unha aproximación práctica, directa e actualizada aos principais mercados audiovisuais exteriores, con especial atención ás citas máis destacadas que se celebran en Portugal, Francia, Bélxica e os Estados Unidos. O obxectivo é facilitarlles aos axentes da industria audiovisual ferramentas útiles para a toma de decisións estratéxicas no ámbito da internacionalización. Conecta, neste sentido, coa finalidade da liña de subvencións á proxección exterior do audiovisual galego en festivais, mercados e foros de negocio que actualmente mantén aberta a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
A través da participación de profesionais de recoñecido prestixio, trataranse cuestións clave como as vías de acceso a estes mercados, os modelos de colaboración existentes e os principais retos que afrontan as produtoras na proxección internacional dos seus proxectos. Así, o encontro contará coa intervención de Luis Costa, produtor en Olhar de Ulisses e presidente da Associação de Produtores do Norte e Empresários Independentes do Audiovisual (Portugal); Valérie Delpierre, produtora en Inicia Films (Francia-Bélxica); e Álvaro Saracho, vicepresidente de Estratexia e Operacións de Produción en The Immigrant (Os Estados Unidos de América).
A xornada ten carácter gratuíto, aínda que cómpre a inscrición previa ata o 13 de abril a través do formulario web activado ao efecto. As persoas interesadas poderán solicitar previamente, ademais, a súa participación nas reunións individuais previstas no programa.
