Nova: A Xunta despide este domingo a mostra de Asorey, tras recibir preto de 35.000 visitas no Gaiás

02/04/2026

A Xunta despide este domingo a mostra de Asorey, tras recibir preto de 35.000 visitas no Gaiás

Comisariada por Miguel Fernández-Cid e coordinada pola neta do escultor, Carmen Asorey, a exposición é a máis completa das realizadas ata hoxe sobre o artista

Reúne medio cento de esculturas, escaiolas, debuxos, fotografías e documentos para coñecer ao Asorey relixioso, monumental, galeguista e universal

Santiago de Compostela, 2 de abril de 2026

A exposición Francisco Asorey, unha recuperación necesaria pecha as súas portas este domingo 5 de abril no Museo Centro Gaiás logo de ter recibido preto de 35.000 visitas. Inaugurada a finais do pasado mes de outubro pola Xunta de Galicia, a mostra é a máis completa das realizadas ata o momento sobre a traxectoria do artista cambadés, figura fundamental na renovación da arte escultórica galega e española no século XX.

As reservas para as visitas comentadas á exposición desta semana están esgotadas, pero aínda é posible achegarse ao Museo Gaiás en horario de 10,00 a 20,00 horas para contemplar obras tan emblemáticas como O Tesouro, o Cristo de Moià ou o San Francisco que lle valera a Asorey a Primeira Medalla na Exposición Nacional de Belas Artes de 1926.

Comisariada por Miguel Fernández-Cid e coordinada pola neta do escultor, Carmen Asorey, a exposición reúne no Gaiás máis dun cento de pezas procedentes de museos, centros culturais e relixiosos de toda España, entre eles, o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, o Museo de Pontevedra, o Museo Provincial de Lugo, o Museo de Belas Artes da Coruña ou a Universidade de Santiago de Compostela, así como coleccións privadas de Gernika, Barcelona e Madrid.

Esculturas, fotografías, escaiolas, debuxos, audiovisuais, documentos da época e ferramentas de traballo que permiten coñecer todas as facetas de Asorey: os seus traballos relixiosos, os retratos que realizou para a burguesía, os monumentos e obra pública e a singular iconografía de raíces populares que lle valeu o recoñecemento como o escultor nacional de Galicia.

Reivindicación para as xeracións futuras

Con esta mostra, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude recuperou e puxo en valor para as xeracións futuras a Francisco Asorey como figura fundamental na historia da arte galega e universal. Así, máis de 360 estudantes de 12 centros de ensino participaron das visitas didácticas organizadas no Museo Gaiás.

A Cidade da Cultura impulsou, ademais, un amplo programa de actividades complementarias á exposición dentro da liña Gaiás Inspira, como visitas especiais co comisario Miguel Ferndández-Cid e cos escultores Pablo Barreiro e Cuqui Piñeiro, contacontos ao redor do universo artístico de Asorey e un taller de estampado no que  reinterpretar en clave contemporánea a estética do pano tradicional galego tan presente na obra do artista de Cambados.

A iniciativa encádrase na programación As exposicións de 2026 como motor cultural da Galicia Calidade coas que a Xunta de Galicia busca fomentar o acceso á cultura e contribuír á formación da cidadanía.

Comparte