Nova: López Campos considera “de xustiza” que o primeiro Día das Artes Galegas dedicado a un fotógrafo sexa a José Suárez, “un dos máis grandes do século XX”
01/04/2026
López Campos considera “de xustiza” que o primeiro Día das Artes Galegas dedicado a un fotógrafo sexa a José Suárez, “un dos máis grandes do século XX”
O responsable de Cultura do Goberno galego destaca o seu vangardismo afastado do costumismo da época que deixou imaxes icónicas de Galicia, como a serie ‘Mariñeiros’
Salienta a “revalorización” da súa figura e obra coa mostra que a Xunta lle dedicou en 2015 na Cidade da Cultura, a retrospectiva máis completa e que itinerou dous anos
Agradece á Real Academia Galega de Belas Artes a “tan atinada elección” e o seu “imprescindible labor” de difusión do noso legado artístico e talento creativo
Allariz (Ourense), 1 de abril de 2026
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, considerou hoxe “de xustiza” que o primeiro Día das Artes Galegas dedicado a un fotógrafo sexa ao ourensán José Suárez “un dos máis grandes do século XX”. Fíxoo durante a súa participación no acto conmemorativo principal deste efeméride, celebrado en Allariz, terra natal do homenaxeado, no que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo.
O responsable de Cultura da Xunta gabou que a Real Academia Galega de Belas Artes “volva estar, unha vez máis, tan atinada na súa elección”. “O noso fotógrafo máis internacional e vangardista, autor de imaxes icónicas da Galicia afastada do costumismo, debía formar parte desta prestixiosa listaxe xunto persoeiros senlleiros da nosa cultura como o Mestre Mateo, Castelao, Maruxa Mallo, Laxeiro, Martín Códax, Francisco Asorey ou Isaac Díaz Pardo”, aseverou.
Neste senso, incidiu na “gran bagaxe intelectual” de José Suárez, quen estableceu amizade con destacados intelectuais e escritores, moitos dos cales retrataría nas súas obras, como Miguel de Unamuno, Rafael Alberti, Ramón Pérez de Ayala, Alejandro Casarón ou José Bergamín. Precisamente, o conselleiro salientou a súa colaboración na publicación Historia de Galicia, de Ramón Otero Pedrayo, a quen este ano se lle dedica o Ano Oteriano, “efeméride para a que estamos deseñando desde a Xunta, en coordinación coas asociacións culturais galegas, unha excelsa programación”.
Retrospectiva no Gaiás en 2015
Nesta liña, López Campos salientou a contribución do Goberno galego á “revalorización” da figura e obra do fotógrafo coa exposición, en 2015, José Suárez. Uns ollos vivos que pensan, na Cidade da Cultura “que supuxo a retrospectiva máis completa que se lle ten realizado ata o momento” e que itinerou por oito cidades de Europa, Asia e América, reproducindo o periplo vital do fotógrafo.
“Situámolo no lugar que merecía a súa ollada única”, asegurou o conselleiro, quen gabou a mirada humanista do fotógrafo de Allariz, “tal e como reflicten as máis que recoñecidas series de mariñeiros e campesiños, influídas polas vangardas artísticas europeas, cunha anovadora linguaxe fotográfica e de claro carácter de autor”, enxalzou.
Deste xeito, puxo en valor que a mostra permitiu achegar a figura do fotógrafo de Allariz a máis de 60.000 persoas que a visitaron durante máis de dous anos ao longo das itinerancias. Ademais, anunciou que se vai reimprimir o catálogo da exposición, “a recompilación máis completa da súa fotografía”, destacou.
Consagración definitiva en Galicia
No entanto, considerou a elección de José Suárez para o Día das Artes Galegas 2026 como a “definitiva consagración en Galicia do valor da súa obra”. “Non só polo que supón de que se recoñeza por vez primeira a un fotógrafo, senón porque o resarce do inxusto esquecemento que viviu el e a súa obra nos últimos anos en vida”, celebrou.
Finalmente, o titular de Cultura quixo recoñecer o traballo da Real Academia Galega de Belas Artes polo seu “imprescindible e constante labor“ na difusión da arte e da cultural, recoñecendo os esforzos que realiza a institución a prol do legado artístico e do talento creativo. Por este motivos, comprometeuse a seguir mantendo e reforzando a colaboración e apoio que recibe desde o Goberno galego.
