Nova: Anxo M. Lorenzo convida a redescubrir a figura de Camilo José Cela no 75 aniversario da publicación de ‘La Colmena’
01/04/2026
Anxo M. Lorenzo convida a redescubrir a figura de Camilo José Cela no 75 aniversario da publicación de ‘La Colmena’
A Casa Museo Camilo José Cela acolle ata o 10 de xuño unha mostra con textos orixinais, manuscritos e pezas relacionadas coa película homónima
Padrón (A Coruña), 1 de abril de 2026
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou hoxe La Colmena. 75 anos, organizada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a través da Fundación Pública Galega Camilo José Cela, co fin de poñer en valor o legado “do noso galego máis universal”.
Trátase dunha proposta que se pode visitar ata o 10 de xuño e que, tal e como explicou Anxo M. Lorenzo, “permite dialogar co premio Nobel mediante diversas pezas pertencentes ao seu fondo documental, bibliográfico e artístico”. Así mesmo, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude aproveitou a súa intervención para convidar á cidadanía a “achegarse a esta obra piar do Nobel galego que aínda segue viva”. A mostra inclúe os catro volumes que conformaban o texto orixinal da novela, os recentes documentos que confrontan esa versión, o epistolario coa editorial Emecé, que foi a que finalmente lle editou a obra en Bos Aires, así como a propia mesa de café sobre a que o autor redactou a derradeira versión de La colmena na localidade de Cebreros (Ávila) entre 1945 e 1948.
A exposición para conmemorar o 75 aniversario deste traballo complétase con elementos relacionadas coa película homónima do ano 1982 de Mario Camus, galardoada co prestixioso Oso de Ouro do Festival de Cine de Berlín en 1983. A través destes, o visitante pode mergullarse en distintos extractos deste clásico audiovisual, onde o propio Camilo José Cela interpretou ao personaxe de Matías Martí.
A exhibición inclúe tamén unha serie de paneis que proporcionan o punto de vista do propio autor, a recepción da crítica e o marco histórico desta gran obra, xa amplamente recoñecida como a mellor novela española da posguerra.
