Nova: A Xunta destina 500.000€ para colaborar cos concellos na mellora dos seus espazos culturais
02/04/2026
A Xunta destina 500.000€ para colaborar cos concellos na mellora dos seus espazos culturais
- A convocatoria que acaba de publicarse no Diario Oficial de Galicia está destinada a actuar en equipamentos como bibliotecas, axencias de lectura e locais municipais
- A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude responde así ao seu compromiso coa modernización e adecuacións deste tipo de infraestruturas a prol da cidadanía
- As solicitudes poderán enviarse ata o 30 de abril e cada entidade poderá recibir ata 30.000€
A Xunta de Galicia destinará 500.000€ para colaborar cos concellos na mellora dos seus espazos culturais. Así se recolle na convocatoria publicada no Diario Oficial de Galicia dirixida a aquelas administracións locais que, ata o 30 de abril, soliciten as axudas para modernizar e acondicionar espazos de xestión municipal como son bibliotecas, axencias de lectura ou auditorios, entre outros.
Trátase dunhas axudas enmarcadas no compromiso da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude co mantemento nas mellores condicións das unidades culturais de todo o territorio, garantindo o acceso á cultura de todas as persoas en consonancia co plan de modernización das infraestruturas culturais publicas e da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia.
Así, desde o Goberno galego preténdese dotar dos medios necesarios aos concellos comprometidos coa acción cultural para que poidan executar os seus programas en condicións óptimas e en espazos adecuados velando polo servizo público que prestan á cidadanía. Deste xeito, poderán solicitar estas achegas os concellos interesados en adquirir equipamento e moblaxe para locais; naa realización de obras de reforma, ampliación, modernización ou mellora de inmobles, así como na adquisición de materiais técnicos vinculados ao desenvolvemento da programación cultural.
As subvencións, que poderán ser de ata 30.000€, tamén se poderán destinar a investimentos en equipamento escénico, audiovisual, de iluminación e son. Inclúese a instalación de sistemas de prevención e seguridade, as accións encamiñadas á mellora da accesibilidade, como a supresión de barreiras arquitectónicas, e medidas de eficiencia enerxética dos edificios.
Na convocatoria anterior, o Goberno autonómico contribuíu á mellora das instalacións e locais culturais de 37 concellos. Así, as axudas permitiron incrementar a calidade e a oferta cultural de 17 bibliotecas e axencias de lectura e 15 centros culturais, ademais doutros cinco espazos entre auditorios, escolas de música, teatros e museos.
