Nova: Anxo M. Lorenzo destaca o “excepcional legado” da industria baleeira no patrimonio marítimo galego
31/03/2026
Anxo M. Lorenzo destaca o “excepcional legado” da industria baleeira no patrimonio marítimo galego
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salienta a “pegada profunda e tanxible” na Comunidade con tradicións, edificios, utensilios e museos
O libro recompila máis de 50 localidades de Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi, por ser o territorio con maior incidencia desta actividade e tamén a máis antiga
Ribadavia (Ourense), 31 de marzo de 2026
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, destacou hoxe o “excepcional legado da tradición e industria baleeira no patrimonio marítimo galego”. Fíxoo na presentación da publicación La huella ballenera en el norte de la península Ibérica, de Álex e Max Aguilar, no Museo do Mar de Galicia, xa que este centro museístico participa na edición do volume.
Acompañado polo autores, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude explicou que La huella ballenera en el norte de la península Ibérica propón un percorrido histórico e xeográfico polos principais portos baleeiros “o que permite sacar á luz este valioso patrimonio ”.
Neste senso, lembrou que este territorio é o que conta con “maior tradición baleeira e tamén a máis antiga e continuada do mundo”. Deste xeito, salientou que case un milenio de actividade deixou “unha pegada profunda e tanxible, con edificios, instalacións industriais, monumentos, utensilios e museos que conforman hoxe un excepcional patrimonio marítimo e cultural”, enxalzou.
En canto á publicación, gabou que a edición está “profusamente ilustrada” e salientou que é froito de anos de investigación e traballo de campo onde se recompila máis de cincuenta localidades de Galicia, Asturias, Cantabria e de Euskadi “pormenorizando o seu legado baleeiro, convertendo o libro nunha auténtica guía de viaxe temática”, aseverou.
Os autores
Àlex Aguilar é profesor da Universidade de Barcelona. Entre 1978 e 1985 traballou nas factorías baleeiras galegas para realizar a súa tese doutoral sobre o rorcual común. Formou parte do Comité Científico da Comisión Baleeira Internacional investigando sobre a caza de cetáceos no Atlántico Sur, Islandia, Groenlandia e Illas Faroe. É autor dunha obra de referencia neste ámbito, Chimán. La pesca ballenera moderna en la península Ibérica, un compendio histórico desta actividade durante o século XX.
Pola súa banda, Max Aguilar estudou fotografía, realizando traballos como fotógrafo a bordo de barcos de pesca. A súas viaxes ao Cantábrico, o estudo de fontes históricas e as entrevistas con expertos permitíronlle construír una sólida base documental e fotográfica para esta obra.
