Nova: A música ao vivo nas salas galegas recibe un novo impulso da Xunta con 141 concertos a través de nove programacións subvencionadas para 16 espazos
30/03/2026
A música ao vivo nas salas galegas recibe un novo impulso da Xunta con 141 concertos a través de nove programacións subvencionadas para 16 espazos
A convocatoria de axudas para espazos musicais de titularidade privada distribúe 358.586 euros para o bienio 2026-27 e permitirá desenvolver unha actividade continuada de actuacións a través de proxectos deseñados por empresas do sector
O proceso de avaliación destaca a calidade artística das propostas presentadas, o protagonismo das mulleres na escena musical e a solvencia das entidades promotoras como piares do éxito da convocatoria
Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2026
A Xunta de Galicia dálle un novo impulso ao desenvolvemento de proxectos de programación musical en salas privadas mediante a concesión de 358.586 euros en axudas no marco da convocatoria de subvencións a este tipo de espazos para os anos 2026 e 2027. Esta liña de subvencións, reformulada para favorecer a profesionalización e a coordinación entre os diferentes axentes do sector, permitirá a posta en marcha de 141 concertos neste tipo de recintos a cargo de 80 artistas e grupos, que chegarán ao público da man das promotoras Urdime, Esmerarte Industrias Creativas, Charlatana, La Sonrisa de Vigo, Ernie Producciones, Dotbeat, Nave de Lata, Cape Produccións e Artyc Content.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, reuniuse hoxe con representantes das empresas incluídas na convocatoria para coñecer en detalle cada unha das propostas e para valorar a resolución desta liña de axudas, que confirma a vitalidade da música ao vivo en Galicia e o potencial dun tecido profesional sólido, diverso e cada vez máis articulado. Constatouse tamén que o proceso de avaliación das candidaturas puxo de relevo o alto nivel artístico das propostas presentadas, a presenza destacada de mulleres na escena musical e a solvencia das entidades beneficiarias como elementos clave para seguir fortalecendo o circuíto privado de concertos.
A través desta da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude establece un modelo de apoio público orientado a reforzar a estrutura profesional da música ao vivo máis alá dos grandes eventos, favorecendo a circulación de artistas, a continuidade das programacións e o acceso do público a unha oferta estable nas salas galegas.
Diversidade estilística e aposta pola identidade propia
Na avaliación das propostas destacouse o alto nivel das candidaturas presentadas, tanto pola solidez interpretativa dos artistas programados como pola coherencia das liñas artísticas deseñadas. As programacións subvencionadas abranguen estilos como o folk, o indie, o pop, o blues, o ska, a verbena ou a tradición atlántica, reflectindo a riqueza e pluralidade da escena galega contemporánea.
Entre as formacións e solistas que actuarán no marco destas programacións figuran nomes como 9Louro, A Banda da Loba, Abril, Agoraphobia, Andhrea & The Black Cats, Antía Muiño, Anxo Araújo, Bala, Belén Tajes, Caamaño & Ameixeiras, Camellos, Carla Lourdes, Catuxa Salom, Cora Yako, High Paw, Moloch, Pava, Monoulious Dop, Sabela King & Heartbreakers, Sofía Espiñeira, The Lakazans e Zeltia Irevire, entre outros, nunha mostra representativa da variedade xeracional, estética e sonora que caracteriza a actual escena galega.
Valorouse especialmente a capacidade de moitas destas propostas para combinar tradición e modernidade cunha identidade recoñecible, así como a aposta por formatos de banda completa e espectáculos pensados especificamente para o contexto das salas, cunha clara vocación de calidade e continuidade. Outro dos aspectos relevantes é o protagonismo das mulleres dentro das programacións presentadas. A presenza de artistas e formacións lideradas por mulleres consolídase como unha das fortalezas desta convocatoria e como un reflexo da transformación que vive o sector musical galego, cada vez máis diverso, igualitario e representativo.
Tamén se destacou a integración de artistas emerxentes xunto a nomes xa consolidados, favorecendo o relevo xeracional e a renovación de públicos. Neste sentido, a convocatoria reforza un dos seus obxectivos principais: contribuír a un ecosistema musical sostible, cunha canteira de novos talentos capaces de medrar profesionalmente e atopar espazos de exhibición estables.
As candidaturas seleccionadas incorporan, ademais, fórmulas para abrir a música ao vivo a novos segmentos de público, con concertos en horario vermú, recitais antes das 21,00 h., políticas de prezos accesibles e accións específicas de comunicación.
Salas en toda Galicia
As axudas concedidas permitirán desenvolver programacións profesionais en 16 salas privadas da man das nove entidades beneficiarias. Urdime S. Coop. Galega recibe 36.155 euros para o bienio 2026-2027 para o seu ciclo Nunha sala, mentres que Esmerarte Industrias Creativas SLU contará con 34.000 euros para a súa programación musical en distintos recintos. Charlatana S. Coop. Galega obtén 45.767 euros para o proxecto Enraigadas, e La Sonrisa de Vigo SL contará cunha achega de 36.182 euros para ese mesmo período. Pola súa banda, Ernie Producciones SL, recibe 35.640 euros para Ciclo Orixe, mentres que Dotbeat SC contará con 42.240 euros para O son dos arrieiros. Nave de Lata Soc. Coop. Galega obtén 42.711 euros para a súa proposta, ao tempo que Cape Produccións SL recibe 35.891 euros para Programacións Kármicas e Artyc Content SL contará con 50.000 euros para a produción de concertos mediante esta canle.
As salas que acollerán estas actividades distribúense por toda Galicia: A Pecera e La Fábrica de Chocolate, en Vigo; Mardi Gras, na Coruña; Sala Jagger e Club Clavicémbalo, en Lugo; La Room e Sala Urania, en Ferrol; Pub Gatos, en Melide (A Coruña); La Conservera, en Viveiro (Lugo); Sala Rebullón, en Mos (Pontevedra); A Pousada da Galiza Imaxinaria, en Boiro (A Coruña); Sala Krazzy Kray, en Cambados (Pontevedra); A Cofradía, en Vilanova de Arousa (Pontevedra); Sala Riquela, en Santiago de Compostela; Arca da Noe, en Vilar de Santos (Ourense), e Guión Clube, en Pontedeume (A Coruña).)
