Nova: A Xunta declara Ben de Interese Cultural o conxunto de covas e adegas de Seadur, localizado no concello ourensán de Larouco

30/03/2026

A Xunta declara Ben de Interese Cultural o conxunto de covas e adegas de Seadur, localizado no concello ourensán de Larouco

  • O Consello dá o visto e prace a este recoñecemento polo seu valor etnolóxico, relacionado coa cultura do viño, e por ser reflexo da cultura e das formas de vida do pobo galego ao longo da historia
  • Conta con informes favorables do Consello da Cultura Galega e o Museo do Pobo Galego que lle dan categoría de elemento representativo sobranceiro
  •  A declaración farase oficial nos vindeiros días coa súa publicación no Diario Oficial de Galicia, co que se elevarán a 795 os BIC existentes na Comunidade

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2026.- A Xunta declara Ben de Interese Cultural o conxunto de covas e adegas de Seadur, situadas no concello ourensán de Larouco, polo seu valor etnolóxico, relacionado coa cultura do viño, e por ser reflexo da cultura e da formas de vida tradicionais dun pobo ao longo da súa historia. Así se acordou hoxe no Consello do Goberno galego, onde se lle deu o visto e prace ao decreto, que se publicará nos vindeiros días no Diario Oficial de Galicia e co que se lle outorga o máximo nivel de protección.

Esta declaración, que elevará a 795 o número de Bens de Interese Cultura existentes en Galicia, chega tras recibir os informes favorables do Consello da Cultura Galega e o Museo do Pobo de Galicia, que lle recoñecen a este lugar un valor cultural sobranceiro, o que permite culminar un proceso iniciado en marzo de 2025 pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Deste xeito, neste expediente os técnicos recollen que o conxunto de 81 adegas e covas de Seadur constitúen pola súa autenticidade e integridade un ben sobranceiro do patrimonio cultural galego, que merece ser declarado Ben de Interese Cultural. Ao respecto, saliéntase que se trata dun gran núcleo que se mantén intacto, xa que son mínimas as alteracións das edificacións tradicionais e son escasas as afeccións producidas polo uso de materiais modernos sen revestir o ou pola modificación de alturas e volumes.

Reflexo da cultura e formas de vida dun pobo ao longo da historia

De igual forma, o decreto fundaméntase en que estas adegas conviven nun espazo único no que, tanto a excepcionalidade das covas e a homoxeneidade dos seus detalles técnicos, vinculadas ás formas de vida e cultura tradicional, son testemuñas das relacións de uso e mantemento e reúnen valores propios que deben ser destacados. Consecuentemente, a súa conservación considérase relevante por ser reflexo da cultura e das formas de vida do pobo galego ao longo da historia.

Función social, familiar e veciñal

A arquitectura das covas de Seadur responde a unha función de garda e conservación, pola necesidade de resgardar o viño das altas temperaturas da zona e tamén de ofrecer condicións axeitadas ata o momento do enxerto. Outro dos usos das covas é o encontro social, familiar e veciñal, converténdose nun lugar onde compartir festividades, conversas de a diario e procesos sobre a elaboración ou resultado da vendima que con tanto esforzo se elabora e que a cova mantén en óptimas condicións.

A documentación técnica destaca que todo isto conforma un conxunto de elementos etnolóxicos fundamentais a preservar como memoria da identidade, a cultura, as tradicións e as formas de vida de Seadur, de Valdeorras e por extensión de todo o pobo galego.

Ademais, o expediente incide en que estas infraestruturas están moi arraigadas na comarca do Valdeorras, que conserva estes elementos construtivos que se atopan integrados no territorio de forma harmónica na paisaxe, mediante a utilización dos materiais naturais das zonas nas que se asentan. Así, poden estudarse a día de hoxe como referentes de construcións bioclimáticas, polo seu apropiado e intelixente uso da terra e o aire que as envolve, creando as condicións axeitadas para a súa funcionalidade.

Comparte