Nova: A Xunta destina 80.000 euros á promoción exterior da industria audiovisual e dos videoxogos de Galicia
29/03/2026
A Xunta destina 80.000 euros á promoción exterior da industria audiovisual e dos videoxogos de Galicia
O Diario Oficial de Galicia publica as bases destas subvencións para 2026, que consolidan a dotación incrementada o pasado ano para a comercialización e difusión de proxectos e obras audiovisuais e videoxogos
Contribuirase á asistencia a foros de negocio especializados, á participación en mostras, premios e festivais de cine e en cursos formativos que conten co apoio do programa MEDIA de Europa Creativa
Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2026
A Xunta publicou no Diario Oficial de Galicia a convocatoria anual de subvencións para a comercialización e difusión exterior de proxectos e obras audiovisuais e videoxogos, ás que destina unha dotación de 80.000 euros. Consolídase deste xeito a ampliación de crédito para esta liña de axudas aprobada en 2025, cando se sumaron 10.000 euros á contía inicial convocada por 70.000 euros para facilitar economicamente a presenza galega nos máis importantes encontros e eventos especializados do circuíto internacional.
Deste xeito, o obxectivo do Goberno galego con esta medida é contribuír á participación de empresas e profesionais da nosa Comunidade en destacados foros de negocio nestes ámbitos, así como contribuír á promoción dos filmes de produtoras galegas seleccionadas nas principais citas do calendario anual de premios e festivais. Ademais, como novidade, as bases deste ano inclúen unha terceira modalidade, para a que se reservan 9.000 euros, destinada a favorecer a asistencia a cursos formativos que conte co apoio do programa MEDIA Europa Creativa da Unión Europea.
Poden solicitar estas subvencións tanto persoas físicas (autónomas) como xurídicas, produtoras ou responsables da dirección dos filmes seleccionados nalgunha das seccións detalladas nas bases, segundo se trate de cada apartado e co resto de requisitos esixidos. Os gastos subvencionables abranguen as campañas de promoción e publicitarias, a tiraxe e os subtitulados das copias, desprazamento e participación no dos equipos das películas ou custos de inscrición, entre outros. O texto da convocatoria tamén especifica a relación concreta de 54 festivais, foros e mercados da industria e eventos de premios do sector que abrangue.
Distribución de solicitudes en dúas quendas
O prazo de solicitude das axudas, que se conceden en réxime de concorrencia non competitiva é outra das novidades das actuais bases, xa que se establecen dúas quendas temporais: unha primeira do 7 de abril ao 1 de xuño para eventos que se celebren entre o 16 de novembro de 2025 e o 31 de maio de 2026; e unha segunda do 2 de xuño ao 15 de outubro para eventos que se desenvolvan do 1 de xuño ao 31 de outubro deste ano. Nos dous casos, as datas finais de presentación mantéñense agás que se produza o esgotamento anterior do crédito.
A resolución da convocatoria de 2025 desta canle de subvencións da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude colaborou con 38 produtoras e profesionais para participar con 68 accións de difusión en 26 festivais, foros e mercados internacionais de referencia para o sector en España e noutros nove países.
Así, a industria audiovisual galega estivo presente, entre outras, en citas tan relevantes como o Festival Internacional de Rotterdam (Países Baixos), o Festival de Cannes (Francia), o Karlovy Vary International Film Festival (República Checa), o Marché du Film Court de Clermont-Ferrand (Francia), o Sunny Side of the Doc en La Rochelle (Francia), o London Film Fest (Reino Unido), o New York Film Festival (Estados Unidos), o Festival Internacional de Cine de Moscova (Rusia), os Premios do Cinema Europeo celebrados en Lucerna (Suíza), o European Film Market de Berlín (Alemaña), o Festival de Locarno (Suíza), a Biennale de Venecia (Italia), ou o Gamescom de Colonia (Alemaña). Outras citas en España co cine galego foron o Festival de Málaga, o Sitges-Festival Internacional de Cine Fantástico de Cataluña, a Seminci de Valladolid, o Festival de San Sebastián ou os Premios Goya.
Deste xeito, a Xunta de Galicia continuou a acadar a posta en valor nos principais circuítos de comercialización internacional do traballo de produción e creación audiovisual con selo galego e a situar a nosa Comunidade no mapa cinematográfico mundial.
