Nova: López Campos salienta a “homenaxe sustentable” ao patrimonio de Galicia na exposición ‘O camiño das bateas’, de Kike Ortega

28/03/2026

López Campos salienta a “homenaxe sustentable” ao patrimonio de Galicia na exposición ‘O camiño das bateas’, de Kike Ortega

O representante do Goberno galego pon en valor este proxecto que “reflicte compromiso coa sustentabilidade e coa posta en valor de bens senlleiros do litoral”

A proposta do artista, arquitecto de formación, pode verse ata o 10 de abril nas instalacións olívicas de Afundación, tras o seu paso pola da sede, de Pontevedra

Vigo, 28 de marzo de 2026

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, salientou hoxe a “homenaxe sustentable” ao patrimonio de Galicia que realiza o artista Kike Ortega na exposición O camiño das bateas, na que emprega material de refugallos para pór en valor tanto os bens senlleiros da Comunidade como a economía circular, e que pode verse ata o 10 de abril na sede de Afundación en Vigo, tras a súa exhibición na de Pontevedra.

No seu percorrido pola mostra, acompañado polo propio artista, o representante do Goberno galego puido comprobar como Ortega rexeita o lenzo tradicional e traballa con materiais de refugallo industriais e bateeiros para “converter o residuo nunha homenaxe ao patrimonio e aos valores identitarios que representan”.

Deste xeito, a través do traballo artístico con bidóns metálicos con ferruxe, cortiza de eucalipto, lonas industriais ou pranchas de ferro reproduce, entre outros bens, as Torres de Catoira, o Pazo de Fefiñáns, a Catedral de Santiago, o Faro de Fisterra, os socalcos das viñas típicos da Ribeira Sacra ou a praia das Catedrais, na mariña lucense.

Neste senso, López Campos destacou como o proxecto deste artista, arquitecto de formación, consegue reflectir o seu “total compromiso coa sustentabilidade e cos bens senlleiros do noso patrimonio”. “Esta irmandade colle forma ofrecéndonos un sorprendente e orixinal itinerario por distintas arquitecturas históricas e paisaxísticas de Galicia”, enxalzou o conselleiro.

Comparte