Nova: A Xunta leva a Sanxenxo a exposición de rúa ‘Botamos un baile?’ para pór en valor a historia e legado cultural das orquestras
27/03/2026
A Xunta leva a Sanxenxo a exposición de rúa ‘Botamos un baile?’ para pór en valor a historia e legado cultural das orquestras
O proxecto nace a raíz dunha mostra da Biblioteca de Galicia en 2023, agora adaptada a un formato de rúa que está a viaxar por vilas da Comunidade
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salienta a importancia de “homenaxear a agrupacións que mobilizan a milleiros de persoas”
Esta iniciativa enmárcase nas itinerancias da Cidade da Cultura, para expandir a súa programación por todo territorio galego
Sanxenxo (Pontevedra), 27 de marzo de 2026
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe no concello pontevedrés de Sanxenxo a mostra Botamos un baile? Un século de orquestras de verbena en Galicia, coa que a Xunta exhibe a evolución destas agrupacións desde principios do século XX ata a actualidade para pór en valor a súa historia e legado cultural. O proxecto, que se enmarca dentro das itinerancias expositivas da Cidade da Cultura, pode visitarse ata o 3 de maio no paseo de Portonovo.
No acto de apertura, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude explicou que a mostra afonda nas transformacións históricas e culturais das formacións musicais populares galegas ao longo do tempo. Neste senso, destacou o grande impacto económico, social e cultural “dunhas agrupacións que mobilizan cada ano a milleiros de persoas, así como da influencia que teñen na música galega actual”.
Así mesmo, precisou que este proxecto nace dunha exposición que acolleu a Biblioteca de Galicia en 2023 e fai un repaso a un tema con fonda pegada na sociedade galega, pero pouco analizado academicamente. Na mesma liña, Anxo M. Lorenzo sinalou a importancia de “achegar esta mostra a toda a sociedade para pór en valor o legado cultural das orquestras de verbena na nosa Comunidade”.
Deste xeito, Sanxenxo convértese na quinta vila galega en acoller a exposición Botamos un baile? Un século de orquestras de verbena en Galicia, que pasou por Ponteareas, Baiona, Ribadavia e Guitiriz no marco do programa de itinerancias da Cidade da Cultura, que ten como finalidade levar a outros lugares de Galicia e España contidos culturais que se xestan no Gaiás. Ao respecto, cómpre lembrar que en 2025 realizáronse 11 proxectos que acadaron máis de 60.000 visitantes e que para este ano están previstas, a día de hoxe, 10 exposicións.
Un século de orquestras de verbena en Galicia
A mostra está baseada nun estudo da Universidade de Santiago titulado Do palco ao escenario, coordinado por Xaime Fandiño e do que son partícipes Zósimo López e Henrique Neira, comisarios desta exposición. Cun deseño de Fausto Isorna, conta a evolución da verbena galega ao longo dun século amosando imaxes de programas de festas, fotografías e, sobre todo, carteis de estilos moi diferentes. A través destas pezas pódese apreciar a adaptación a cada época dun xeito de lecer arraigado en Galicia, cun tecido económico propio do sector, en constante desenvolvemento e innovación.
As verbenas galegas adquiriron personalidade propia ao longo do século XX, vendo como as gaitas do país e as bandas de música incorporaron ritmos importados de América como o charleston, o fox-trot ou o jazz. A súa expansión consolidouse tras a Guerra Civil, coa recuperación das festas de barrios nos anos 40, e viviu un grande auxe nos 80 grazas á visibilidade da Radio Televisión de Galicia.
Nos anos 90, o sector afrontou unha crise marcada pola competencia das discotecas e macroconcertos, que obrigou ás orquestras a reinventarse cun enfoque centrado no espectáculo. Entre 2012 e 2019, adaptáronse aos gustos da mocidade e renovaron os seus formatos. A pandemia de 2020 supuxo un novo reto, pero tamén deu paso a propostas musicais que reivindican a verbena como parte esencial da identidade cultural galega.

