Nova: Unha vintena de profesionais asisten ao curso impartido polo director de fotografía Mauro Herce co patrocinio da Xunta
27/03/2026
Unha vintena de profesionais asisten ao curso impartido polo director de fotografía Mauro Herce co patrocinio da Xunta
A Cidade da Cultura acolle mañá a formación intensiva organizada no marco do programa Aula CREA da Asociación de Profesionais da Dirección e a Realización de Galicia
Mauro Herce, artífice da fotografía de ‘Sirât’ e doutros moitos filmes de produción galega, abordará a construción conxunta da imaxe visual cinematográfica
Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2026
Mauro Herce, premiado director de fotografía do filme Sirât, impartirá mañá na Cidade da Cultura de Galicia un curso intensivo no que participará unha vintena de profesionais galegos en activo no ámbito audiovisual. A xornada formativa, que conta co patrocinio da Xunta, insírese no programa Aula CREA, organizado pola Asociación de Profesionais da Direccción e a Realización de Galicia.
Baixo o título Camiño ou SIRÂT: o diálogo entre dirección e fotografía, a iniciativa propón unha reflexión práctica sobre a relación esencial entre a dirección e a dirección de fotografía na creación audiovisual. Partindo da idea do camiño, abordarase a construción conxunta da linguaxe visual dun proxecto: desde a concepción estética ata a resolución técnica no set. Neste senso, analizaranse procesos de traballo, metodoloxías de comunicación e ferramentas prácticas que permiten transformar unha intención narrativa nunha imaxe coherente e expresiva.
O encontro busca tamén abrir un espazo de intercambio de experiencias e coñecementos, no que se revisarán dinámicas reais de rodaxe, problemas habituais na relación creativa e estratexias para fortalecer unha colaboración fluída entre departamentos clave. Así, o curso desenvolverase en catro grandes bloques sobre roles, responsabilidades e zonas de intersección entre dirección e dirección de fotografía, referencias, conceptos e toma de decisións para a construción dunha idea visual, a tradución da narrativa á linguaxe da luz, o encadre e o movemento, e mais a comunicación e metodoloxía de traballo entre departamentos.
Mauro Herce (Barcelona, 1976) é director de fotografía e director de cine cunha longa traxectoria e experiencia. Entre outros recoñecementos gañou dous Premios Goya en 2026 e en 2020 por Sirât e O que Arde, respectivamente, ambas as dúas longametraxes de Oliver Laxe, con quen tamén traballou en Mimosas (2016). Outros filmes de produción galega nos que participou son Samsara (Lois Patiño, 2023), Longa noite (Eloy Enciso, 2019), O quinto evanxeo de Gaspar Hauser (Alberto Gracia, 2013), ou Arraianos (Eloy Enciso, 2012).
