Nova: A Xunta destaca o papel dos museos na construción dunha sociedade máis inclusiva e diversa
26/03/2026
A Xunta destaca o papel dos museos na construción dunha sociedade máis inclusiva e diversa
A nova mostra do centro xestionado polo Goberno galego é o resultado de dous proxectos realizados no centro de menores de Montealegre e na residencia Nosa Señora dos Anxos
Pode visitarse ata principios de mes de maio e está composta por un cento de pezas entre as que se inclúen fotografías, obxectos particulares e obras artísticas
Ribadavia (Ourense), 26 de marzo de 2026
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, inauguraron hoxe Vou facer un paso de brillantes, a nova exposición do Museo Etnolóxico de Ribadavia resultante de dous proxectos realizados no centro de menores de Montealegre, en Ourense, e na residencia Nosa Señora dos Anxos, no municipio ourensán de Ribadavia.
Tal e como explicaron os representantes da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude este novo proxecto composto por un cento de pezas é un exemplo da contribución dos centros museísticos na construción dunha sociedade “máis inclusiva e diversa”. Neste senso, salientaron o papel desenvolvido polos dous comisarios da mostra, María José Floriano e Pablo Otero, por ser capaces de “transformar en contido e produtos culturais e dun xeito tan brillante” os proxectos Fotosíntese e Todas as cousas do mundo, levados a cabo, respectivamente, con rapaces en situación de vulnerabilidade e con persoas maiores dunha residencia.
Por outra banda, consideraron que esta exposición, xunto con outras na mesma liña do Museo Etnolóxico de Ribadavia, reflicten como a programación cultural está “sendo cada vez máis permeable” ás liñas de actuación da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia. Ao respecto, ambos os dous directores destacaron que se trata dunha normativa pioneira en Europa que, aínda que entrou en vigor en xaneiro do pasado ano, “recolle froitos dunha estratexia na que xa levamos moito tempo traballando no Goberno galego”, celebraron.
Vou facer un paso de brillantes pode verse ata principios de maio nas instalacións deste centro museístico ourensán e recompila un cento de pezas entre fotografías, colección de obxectos populares, obras artísticas ou de poesía visual. Todas elas foron elaboradas polos participantes dos dous proxectos.
