Nova: A Xunta pecha a 15º edición da master class do audiovisual ‘Augal’ coa entrega de diplomas ao alumnado participante

25/03/2026

A Xunta pecha a 15º edición da master class do audiovisual ‘Augal’ coa entrega de diplomas ao alumnado participante

O programa 2025-2026 incluíu nove sesións arredor de longametraxes, curtas e documentais galegos, ademais do concurso universitario A Canteira-AuGAL e nel participaron profesionais como Ángeles Huerta, Miguel Ángel Delgado ou Anxos Fazáns

Pontevedra, 25 de marzo de 2026

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou esta tarde na Facultade de Comunicación de Pontevedra no acto de clausura da 15ª edición de AuGAL-Masterclass Audiovisual Galego, iniciativa formativa que se veu desenvolvendo desde o pasado mes de novembro co apoio da Xunta para combinar proxeccións e coloquios arredor da creación cinematográfica e televisiva galega máis actual.

Na última sesión celebrada hoxe recibiron os seus diplomas os preto de 50 estudantes que seguiron AuGAL durante todo o curso lectivo, proxectouse a longametraxe Sirat e tivo lugar un coloquio posterior cos profesionais galegos Pablo Lamosa e Xes Diéguez, artífices dos efectos especiais e de son, respectivamente, do laureado filme de Oliver Laxe. 

A Xunta de Galicia e a Universidade de Vigo volveron colaborar para facer posible este ciclo, que este ano incorporou o apoio da Deputación Provincial de Pontevedra co obxectivo de continuar a fortalecer a formación no eido audiovisual e servir de espazo de interacción entre estudantes e profesionais do sector, ademais de sumarse como pantalla de cinema á oferta de ocio da cidade.

A directora de fotografía Alicia Francés ou cineastas como Ángeles Huerta, Alejandro Gándara, Ariadna Silva, Miguel Ángel Delgado ou Anxos Fazáns presentaron os seus últimos filmes na 15ª AuGAL, ademais de Paula Pereira, Alba Domínguez, Gon Caride ou Alejandro Jato na realización de curtametraxes. Antes de nós, 360 curvas, San Simón, As liñas descontinuas ou Rondallas foron algúns dos títulos proxectados.

Cunha duración total de 31 horas lectivas, AuGAL ampliou este ano a súa carga formativa e reforzou as oportunidades de aprendizaxe e contacto directo coa realidade profesional. Así, as sesións, que tiveron lugar na Aula de Cine do Campus da Xunqueira, aproveitaron a presenza de responsables da dirección, guión ou produción de cada obra, o que permitiu o diálogo directo de xeito didáctico e a achega en detalle aos traballos.

Comparte