Nova: A Xunta convoca axudas por valor de 150.000 € para impulsar as traxectorias profesionais de 10 artistas ou grupos musicais
24/03/2026
A Xunta convoca axudas por valor de 150.000 € para impulsar as traxectorias profesionais de 10 artistas ou grupos musicais
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases desta liña, coa que se lle dá continuidade á fórmula creada en 2025 para apoiar as carreiras de xeito integral
Poderanse beneficiar propostas de creación, produción, promoción e difusión musical presentadas por persoas autónomas e empresas de ‘management’ ou fonográficas
A concesión do máximo de 15.000 € para cada proxecto terá en conta criterios de sustentabilidade, igualdade, diversidade e accesibilidade
Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2026
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases que rexerán durante este ano para subvencionar proxectos de creación, produción, promoción e difusión musical. Con esta liña de axudas, a Xunta investirá 150.000 euros na industria da música de Galicia a través do impulso ás traxectorias profesionais de ata 10 artistas ou grupos que desenvolvan a súa actividade habitual na Comunidade autónoma.
A convocatoria, que se resolverá en réxime de concorrencia competitiva, dálle continuidade coa mesma dotación a esta vía de apoio nacida en 2025 como parte do programa de subvencións que xestiona a Axencia Galega das Industrias Culturais. O seu obxectivo prioritario é promover o talento musical do país, de maneira que se favoreza a calidade dos proxectos, a profesionalización e a modernización, co foco posto no uso das novas tecnoloxías e a dixitalización.
Poderán optar a estas axudas da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude empresas e persoas traballadoras autónomas que se dediquen ao management artístico ou á edición fonográfica para o impulso ou a consolidación dos artistas e bandas que representen a través de calquera dos ámbitos do proceso musical. Como requisito, deberán contar con oficinas con, cando menos, un ano de antigüidade en Galicia, onde teñen que desenvolver a súa actividade habitual. O prazo de presentación de propostas estará aberto do 25 de marzo ao 24 de abril.
Valores de igualdade e uso do galego
Subvencionaranse gastos realizados entre o 1 de xaneiro de 2026 e o 31 de maio de 2027 que teñan que ver coa imaxe de marca do artista ou banda, estudos de mercado e estratexias de posicionamento, concepción, lanzamento e presentación dun novo produto musical, labores de promoción, ou gravación e distribución de traballos discográficos. Tamén os gastos de deseño de accións en conexión cos valores de igualdade, paridade, diversidade e accesibilidade.
Ademais, establécese unha axuda máxima de 15.000 euros por proposta, cunha intensidade de ata o 75% do orzamento subvencionable, de xeito que poidan cofinanciarse, cando menos, 10 proxectos. Na concesión, valoraranse as traxectorias tanto da empresa como da formación musical para a que se solicita a axuda, así como o uso do galego ou a presenza feminina en postos relevantes do proxecto, entre outros aspectos.
Apoio continuado ao sector musical
A Xunta asume estas novas axudas por segundo ano consecutivo con fondos propios, tras unha convocatoria anterior publicada en 2022 ao abeiro do Hub Audiovisual Industria Cultural Galega con financiamento no programa Feder dentro do eixo React-UE. A medida conecta e complementa outras convocatorias e accións da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude que tamén inciden no sector musical, como as destinadas á contratación de grupos galegos nos festivais e nas salas de concertos de titularidade privada, así como nas carteleiras da Rede Galega de Teatros e Auditorios e do circuíto de verán Cultura no Camiño.
Esta dinámica de traballo viuse tamén reforzada nos últimos anos con dúas edicións da aceleradora musical Sonemerxente, xestionada pola Xunta en colaboración coa Fundación Paideia Galiza e a través da que se lles deron pulo aos proxectos de 22 novos artistas e grupos.
Da pasada convocatoria de 2025 para a creación, produción, promoción e difusión musical resultaron beneficiarios os proxectos de 12 artistas e bandas galegas. Foron, en concreto, as propostas de A Banda da Loba, Alana, Crúas, De Ninghures, Fillas de Cassandra, Filloas, Grande Amore, Leticia Rey, Marcos Coll, Mondra, Pablo Sanmamed e Sabela.

