Nova: Rueda destaca que a Xunta insta o Goberno central a garantir a conservación do Pazo de Meirás e permitir as visitas públicas

23/03/2026

Rueda destaca que a Xunta insta o Goberno central a garantir a conservación do Pazo de Meirás e permitir as visitas públicas

Sinala que o Executivo galego reiterará a súa petición para xestionar este espazo, unha vez que o Estado leve a cabo as actuacións necesarias para a súa conservación e seguridade

Así se recolle no informe avaliado hoxe polo Consello, no cal figuran os próximos pasos que vai dar a Administración autonómica en relación coas Torres de Meirás

Informa que, de xeito paralelo, a Consellería de Cultura porá en marcha os traballos para elaborar un plan de usos que renove a proposta de 2020 e no cal se inclúa o legado de Emilia Pardo Bazán e o proceso polo que se converteu en propiedade do ditador

No eido xurídico, o Goberno autonómico comunicaralle á Avogacía do Estado a súa intención de sumarse ao recurso que impida o pagamento da indemnización

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que a Xunta de Galicia porase en contacto co Goberno central para solicitar que se leven a cabo as obras necesarias para garantir a conservación do Pazo de Meirás e permitir así as visitas públicas ao interior do inmoble na súa totalidade. Así se recolle no informe avaliado hoxe polo Consello, no cal figuran os próximos pasos que vai dar a Administración autonómica en relación con este inmoble localizado no concello coruñés de Sada.

Así, tal e como figura no documento analizado hoxe no Consello, Rueda sinalou que o Executivo galego, como xa fixo en numerosas ocasións desde que se iniciou o proceso, volverá “manifestar ao Goberno central a intención da Xunta de facerse cargo da xestión do Pazo de Meirás”. Para iso, iniciarase un proceso de diálogo co Goberno central no cal se seguirán criterios técnicos e xurídicos para valorar se a “fórmula máis axeitada” é a cesión de uso ou a transferencia da titularidade.

O titular do Goberno galego subliñou que esta solicitude farase unha vez que o Estado, actual titular do inmoble e, polo tanto, responsable da súa conservación, “realice as obras necesarias para garantir a conservación” tanto no interior como no exterior das Torres de Meirás. Este é un plan de rehabilitación integral que resulta especialmente necesario naqueles lugares que precisan dunha intervención urxente e que están impedindo que as visitas públicas se poidan facer na súa totalidade.

De xeito paralelo a este proceso, Rueda informou que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude porá en marcha os traballos necesarios para elaborar unha proposta de plan de usos para as Torres de Meirás que renove a elaborada no ano 2020 e na cal se recolla a totalidade de toda a historia que atinxe ao Pazo de Meirás. Isto supón que se incluirá tanto o legado de Emilia Pardo Bazán, tal e como tamén solicitan outras administracións implicadas, como o proceso polo que se converteu en propiedade do ditador.

Deste xeito, o futuro plan de usos que proporá a Xunta de Galicia partirá do documento elaborado en 2020, co obxectivo de converter o Pazo de Meirás nun equipamento útil para o ecosistema da creación cultural actual respectando a historia deste lugar e apostando por darlle un uso centrado no fomento da creación e na difusión da cultura galega contemporánea.

Ademais, como complemento ao traballo feito pola Consellería de Cultura, o Goberno galego proporá a posta en marcha dun proceso participativo e aberto no cal poidan achegar as súas ideas e reflexións persoas e colectivos de diferentes sensibilidades e visións, co fin de acadar un documento plural e sólido en que toda a cidadanía se vexa representado.

O presidente lembrou que desde o punto de vista xurídico, a Xunta sempre apostou por adherirse ás accións xudiciais lideradas polo Goberno central desde que se iniciou o proceso de recuperación do Pazo de Meirás. Así será tamén en relación co pagamento da indemnización á familia Franco no caso de que a Avogacía do Estado decida continuar con este proceso.  Cómpre lembrar que o traballo coordinado entre administracións, seguindo sempre criterios técnicos, foi o que permitiu completar o proceso con éxito e que o Pazo de Meirás sexa hoxe patrimonio público.

Comparte