Nova: A Xunta continúa co apoio ao sector audiovisual con novas axudas por valor de 2,2 M€ para a realización de rodaxes en Galicia
23/03/2026
A Xunta continúa co apoio ao sector audiovisual con novas axudas por valor de 2,2 M€ para a realización de rodaxes en Galicia
- A convocatoria mantén a mesma dotación que en 2025 para seguir a potenciar a nosa Comunidade como escenario de filmación de películas e series
- Os proxectos poden recibir ata 350.000 euros sempre que garantan 20 días de gravación durante non máis de seis semanas e un gasto mínimo entre 1M€ e 1,5M€
O Consello da Xunta autorizou hoxe as bases e a próxima publicación, en réxime de concorrencia non competitiva, da convocatoria de axudas para a realización de rodaxes en Galicia durante 2026, a través da que o sector audiovisual galego poderá optar este ano a un total de 2,2 M€ para a filmación de películas e series no territorio da nosa Comunidade.
O obxectivo desta liña de apoio, cofinanciada pola Unión Europea no marco do programa Galicia FEDER 2021-2017, é estimular e impulsar a execución da actividade de rodaxe para fomentar a cadea de valor da industria audiovisual, a competitividade, o crecemento sustentable e o mantemento do emprego de calidade das empresas, así como situar a Galicia como destino internacional neste ámbito. A convocatoria autorízase, ademais, só uns días despois de que o audiovisual galego faga historia coas candidaturas do filme Sirat de Oliver Laxe nos Premios Oscar.
Esta convocatoria, xunto á xa publicada por valor de 3,5 M€ dirixida á produción e coprodución, e outras centradas nas diferentes fases do proceso de creación e difusión audiovisual (promoción do talento, festivais cinematográficos, presenza en foros e mercados especializados, videoxogos ou posta en marcha de futuros proxectos), constitúen unha política global e integrada de apoio ao sector, pola que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude canaliza máis de 6,5 M€ a través da Axencia Galega das Industrias Culturais. Queda pautado así un acompañamento económico ás empresas desde o xermolo e o desenvolvemento dos proxectos ata a súa produción, rodaxe, difusión, comercialización e exhibición.
Dúas modalidades
As bases para a atracción de rodaxes refírense a obras audiovisuais completas e o proxecto subvencionable abrangue o conxunto das accións e actividades relacionadas coa produción audiovisual realizadas en Galicia, tanto as realizadas por empresas en calidade de produtoras maioritarias como de responsables en Galicia da produción executiva de dúas obras nos últimos cinco anos.
Prevense, ademais, dúas modalidades para optar a estas axudas: longametraxes de ficción que teñan un mínimo de 60 minutos de duración e series de ficción cunha duración mínima de experiencia do espectador de 150 minutos e que se corresponda cunha primeira ou segunda temporada. Os importes a adxudicar oscilan, segundo os casos, entre os 300.000 e os 350.000 euros.
Entre outros requisitos, pídeselles tamén ás empresas que dispoñan dun financiamento previo acreditado do 60% sobre o custo total, que o gasto en Galicia contemple un mínimo entre 1 M€ e 1,5 M€ e que a duración mínima da rodaxe efectiva sexa de 20 días laborables dentro dun período máximo de seis semanas.
Os gastos subvencionables poden abranguer persoal, escenografías, aluguer de estudos, camerinos ou equipamentos tecnolóxicos, maquinaria, seguros, custos indirectos, medidas sanitarias de aplicación, desprazamentos, aloxamento, manutención ou accións de publicidade e promoción.
Quinta convocatoria en seis anos
A de 2026 será a quinta convocatoria da Xunta de Galicia dirixida especificamente á atracción de rodaxes nos últimos seis anos. Esta medida, que naceu ao abeiro do Hub Audiovisual-Industria Cultural para contribuír a minimizar os efectos da pandemia, tivo continuidade en exercicios posteriores como canle importante no programa de subvencións ao sector.
Así, a través do Hub, en 2021/2022 obtiveron apoio por esta liña a longametraxes 13 exorcismos e as series Argonautas, Hasta el cielo e Rapa, e en 2022/2023 os filmes Amigos hasta la muerte e Tratamos demasiado bien a las mujeres, ademais das segundas temporadas das series Operación Marea Negra e Rapa.
Xa en 2024, foron beneficiarias Romería, Rondallas, Dímelo bajito e Me has robado el corazón, así como as series Marusía e Clanes. No pasado ano 2025 as adxudicatarias foron as películas Dímelo en secreto, Operación Camarón 2, Pínkala, Serenade e a segunda temporada da serie Punto Nemo.
