Nova: A Xunta adxudica obras de restauración na igrexa do Mosteiro de Oia por preto de 390.000 €
22/03/2026
A Xunta adxudica obras de restauración na igrexa do Mosteiro de Oia por preto de 390.000 €
A actuación, cun prazo de execución de nove meses, centrarase na posta en valor da sancristía e do coro alto
Esta intervención súmase á que se porá en marcha para rehabilitar os elementos artísticos, adxudicada por 193.000 €, elevando o investimento do Goberno galego neste espazo a máis de 580.000 €
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude busca así completar traballos anteriores para incorporar ás visitas culturais espazos de relevancia deste ben
Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2026
A Xunta de Galicia acaba de adxudicar as obras de restauración e posta en valor da sancristía e do coro alto da igrexa do Mosteiro de Oia cun orzamento de preto de 390.000 €. Trátase dunha actuación que conta coa cofinanciación da Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027, neste caso no marco da partida destinada aos mosteiros e bens singulares do Camiño de Santiago na provincia de Pontevedra.
Con esta intervención, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude busca completar os traballos realizados nos últimos anos para mellorar as condicións de humidade e estabilidade do edificio a prol da súa conservación. Concretamente, con esta rehabilitación, que ten un prazo de execución de nove meses, preténdese incorporar á visita cultural espazos de gran valor como o coro, a torre barroca, a sala capitular e elementos artísticos relevantes.
Deste xeito, as tarefas que se van levar a cabo céntranse na corrección de pequenas filtracións pola fachada principal que afectan ao coro alto, así como as que entran pola fachada leste sobre o arco triunfal. Complétanse coa drenaxe, reparación da carpintería exterior, os arranxos na bóveda de cruzaría e a eliminación de humidades no pavimento do que hoxe en día é a sancristía, zona na que se se acondicionará o acceso á base da torre do campanario.
Pola súa parte, a restauración do coro alto inclúe traballos no conxunto composto polo cadeirado do coro, cos catro relevos policromados que se atopan no seu tramo central e principal, e as pinturas de escudos nos remates das portas de acceso ás salas contiguas.
Ademais, instalarase unha nova iluminación máis eficiente e adecuada para a nave e os espazos restaurados, ao que se lle engade a aplicación de tratamentos específicos na madeira como son axustes estruturais, consolidación, limpeza, desinsectación, reposición de pezas perdidas, revisión e reposición de bisagras e compoñentes metálicos do cadeirado.
Restauración de elementos artísticos
Esta actuación súmase á que se vai desenvolver tamén nos vindeiros meses para restaurar elementos artísticos na igrexa, e que foi adxudicada por 193.000€, elevando o investimento da Xunta neste inmoble ata os 583.000 €.
Así, en relación coa caixoneira da sancristía, clasificaranse todas as pezas para situalas na zona correnspondente dos planos detectando os elementos que faltan, ademais de realizar distintas probas de limpeza de superficies. Vencellado a isto vaise elaborar un proxecto completo de restauración e montaxe das pezas do retablo depositadas na sala, coa toma de mostras para analizar o soporte lígneo e a policromía, co obxecto de determinar o pigmento aplicado e realizar probas de fixación.
En canto ao coro alto está prevista a restauración do facistol, do chan e da varanda de peche, así como probas de tratamentos específicos da madeira e da policromía.
