Nova: Belén do Campo e alcaldesa de Triacastela asisten á presentación do documental “O camiño da Cova de Eirós” na Filmoteca de Galicia

20/03/2026

Belén do Campo e alcaldesa de Triacastela asisten á presentación do documental “O camiño da Cova de Eirós” na Filmoteca de Galicia

A delegada da Xunta destacou que “este traballo audiovisual contribúe a achegar á cidadanía o labor científico que hai detrás de descubrimentos tan significativos como as primeiras pinturas rupestres localizadas en Galicia”

A Coruña, 20 de marzo de 2026

A delegada territorial da Xunta na Coruña asistiu hoxe, xunto coa alcaldesa de Triacastela, Olga Iglesias, á presentación do documental O camiño de Cova Eirós na Filmoteca de Galicia na cidade da Coruña, unha produción dirixida por Xosé González Varela que pon en valor un dos achados máis relevantes da arqueoloxía galega recente.

Durante o acto, a representante autonómica salientou “a importancia de divulgar, con rigor e sensibilidade, o extraordinario patrimonio histórico e natural de Galicia”, facendo fincapé en que este traballo audiovisual “contribúe a achegar á cidadanía o labor científico que hai detrás de descubrimentos tan significativos como as primeiras pinturas rupestres localizadas en Galicia”.

O documental, cunha duración de 52 minutos, recolle máis dunha década de seguimento do traballo arqueolóxico desenvolvido na Cova de Eirós, situada nos Ancares lucenses. Este xacemento, considerado hoxe o máis relevante do paleolítico galego, foi obxecto dun fito histórico en 2012 co descubrimento das súas pinturas rupestres por parte dun equipo de especialistas liderados polo arqueólogo Arturo de Lombera.

A delegada subliñou tamén “o valor engadido que supón a convivencia entre investigadores, veciñanza e contorna natural”, un aspecto que o documental reflicte cunha mirada íntima e detallada, pouco habitual neste ámbito.

Finalmente, a representante do Goberno autonómico reafirmou o compromiso da Xunta co apoio a proxectos culturais e científicos que contribúan á conservación, estudo e difusión do patrimonio galego, así como ao desenvolvemento do medio rural.

Comparte